A Xunta acreditará en 2019 a experiencia profesional de máis de 1800 galegos a través de dúas convocatorias

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a primeira das convocatorias cun total de 467 prazas en catro cualificacións: servizos para o control de pragas, xestión de servizos para o control de organismos nocivos, extinción de incendios e salvamento e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais
Publicado por o día 16/12/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta acreditará en 2019 a experiencia profesional de máis de 1800 galegos a través de dúas convocatorias

A Xunta acreditará en 2019 a experiencia profesional dun total de 1817 galegos e galegas en 11 cualificacións. Para iso, desenvolverá dúas convocatorias. A primeira delas acábase de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG). Inclúe 467 novas prazas e un total de catro cualificacións: servizos para o control de pragas (50 prazas); xestión de servizos para o control de organismos nocivos (25 prazas); extinción de incendios e salvamento (150 prazas); e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (242 prazas). Coa publicación da convocatoria abriuse xa o prazo de inscrición que rematará o 4 de xaneiro.

A segunda convocatoria publicarase a principios do próximo ano e incluirá un total de 1350 prazas noutras sete cualificacións das que dúas son novas: docencia da formación para o emprego (100 prazas) e operacións auxiliares de fabricación mecánica (100 prazas). As cinco restantes son: atención sociosanitaria a persoas no domicilio (300 prazas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (250 prazas); socorrismo en espazos acuáticos naturais (225 prazas); socorrismo en instalacións acuáticas (225 prazas); e tanatopraxia (150 prazas).

As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade, que acredite a súa competencia profesional.

Estas acreditacións teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poderán facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais dos coñecementos e capacidades adquiridos a través de anos de experiencia. Isto facilitará ás persoas avanzar e progresar na súa carreira profesional e ás empresas permitiralles optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.

A Consellería de Economía, Emprego Industria vén publicando desde 2011 este procedemento para recoñecer as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. De media, ao ano, véñense convocando desde entón en torno a 2.000 prazas. Das 15.944 prazas convocadas ata o momento, 11.878 acadaron unha acreditación oficial da súa competencia profesional.

De feito, Galicia atópase á cabeza da formación certificable. En 2011, ademais, a Comunidade converteuse nunha das rexións pioneiras en impulsar este procedemento de recoñecemento da competencia profesional.

Para toda a información relacionada con este proceso poden consultar na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no portal de Emprego.