A Xunta activa a Oficina técnica do pacto dos alcaldes que achegará o traballo de Galicia ao maior movemento mundial de autoridades para combater o cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que a Xunta será a coordinadora para trasladar as iniciativas da rexión ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que fixa obxectivos concretos para o ano 2030
Por o 11/01/2019 | Sección: Medio Ambiente
A Xunta activa a Oficina técnica do pacto dos alcaldes que achegará o traballo de Galicia ao maior movemento mundial de autoridades para combater o cambio climático

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, activa a Oficina técnica do pacto dos alcaldes para proxectar o traballo do conxunto da Comunidade galega no maior movemento mundial de autoridades para combater o cambio climático, o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía.

Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que esta mañá participou nunha reunión sobre esta materia, onde recordou que Galicia foi distinguida como coordinadora para trasladar as iniciativas que se leven a cabo na rexión, co fin de dar cumprimento aos obxectivos que o grupo de traballo a nivel europeo se marca para o ano 2030.

Explicou que a Oficina técnica galega é un interlocutor directo cos concellos, un instrumento co que se apoiará ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico, con asesoramento personalizado para cada caso e identificando posibles sinerxías.

Así, as funcións desta entidade serán o asesoramento a todos os concellos, axudándolles a elaborar o seu propio plan de acción para a enerxía sostible para o cumprimento dos compromisos fixados para o ano 2030 ou na redacción do Plan de adaptación; e a creación de redes entre concellos, co fin de poñer en marcha accións entre administracións, como vía eficaz para poder afrontar grandes retos globais e acadar metas que serían inasumibles doutro xeito.

A conselleira explicou que esta oficina tamén actuará como observador, para achegar información sobre distintos fondos e convocatorias e apoiar aos concellos a identificar posibles vías de financiamento, a través do asesoramento personalizado para acadar os recursos necesarios que permitan poñer en marcha as actuacións e compromisos.

Tamén será a encargada de poñer en marcha outro tipo de servizos, como a celebración de xornadas informativas ou un centro de asistencia a concellos para resolver as dúbidas que estes manifesten.

A conselleira mostrouse convencida do potencial do local para combater o cambio climático e dar resposta aos obxectivos fixados por Europa para o ano 2030, “o 27-40-27, que se resume nun 27% menos de consumo enerxético, un 40% menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovables”.

Nese sentido, invitou aos concellos galegos a sumarse a este Pacto porque os retos globais do cambio climático débense afrontar desde as vilas e as cidades de xeito unido, é dicir, “pensar global, actuar local”. Engadiu que a implicación dos concellos é determinante na transición enerxética e na loita contra este fenómeno, dada a súa maior proximidade á cidadanía.

Salientou que en Europa hai xa 7.755 municipios adheridos ao Pacto repartidos entre 53 países, mentres que en España son 1.826; polo que reiterou a súa invitación aos concellos galegos a seguir o exemplo de Ribeira, un municipio que vén de anunciar a súa decisión de adherirse a este Pacto dos alcaldes, un trámite no que se atopan outros 15 concellos e que xa teñen concluído un total de 23. Salientou que cada gran de area é imprescindible na loita contra o cambio climático, polo que a implicación de todos os concellos galegos é fundamental, polo que augurou que en 2020 estean case todos unidos ao Pacto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.