A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, activa unha nova convocatoria do ReAcciona TIC para apoiar ás empresas que buscan mellorar a súa competitividade mediante as solucións que aportan as TIC e a Industria 4.0, programa que, xunto co ReAccciona, concedeu durante o ano 2018 axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en pemes galegas.
A presentación de solicitudes de axudas para a nova convocatoria do ReAcciona TIC, ao abeiro das bases reguladores publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), estará aberta ata o 14 de febreiro.
Ao longo deste ano, activaranse en total catro convocatorias deste programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, nas que o Igape ofertará servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0, ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción. Entre as catro convocatorias prevese destinar ao redor de 725.000 euros en axudas.
A través dos programas ReAcciona TIC e ReAcciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.
A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0 que está a desenvolver a Xunta e que establece cinco plans de impulso para a modernización do tecido empresarial galego con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas de innovación tecnolóxica, formación e financiamento.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.