A Xunta actualizará a normativa de atención á diversidade co fin de axustala á realidade dos alumnos e dos centros docentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse cos representantes de 46 entidades de Galicia co fin de pechar un desenvolvemento normativo do actual Decreto, como veñen demandando esas asociacións

A Xunta de Galicia está ultimando a actualización da normativa de atención á diversidade nos centros educativos co obxectivo de dar unha resposta axustada á realidade de cada alumno, ás súas necesidades e aos seus talentos, camiñando cara unha escola pensada desde a perspectiva do alumnado e co apoio do conxunto da sociedade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes de 46 entidades de atención á diversidade para recoller as súas inquedanzas e demandas e poder incorporalas ao texto normativo que desenvolverá o Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes na comunidade autónoma.

Segundo explicou o conselleiro, aínda que se foron implementando protocolos individuais que atendían ás peculiaridades de cada colectivo, “logo de dez anos da aprobación do decreto, temos pendente o seu desenvolvemento normativo”. Unha tarefa que, en palabras do conselleiro, “urxe abordar xa, e facelo de modo coordinado e consensuado cos colectivos de atención á diversidade” dos que sinalou que “dispoñen dun coñecemento profundo das realidades ás que atenden e, polo tanto, as súas aportacións resultan importantes para abordar a atención integral aos nenos con diversidade”.

A idea é un texto normativo que ordene, desde unha perspectiva xurídica e tamén didáctica, todo o que un centro educativo pode e debe considerar á hora de deseñar e desenvolver procesos de ensinanza e de aprendizaxe, guiándose polos valores da diversidade, da inclusión, da igualdade, da colaboración e da calidade, entre outros. En consecuencia, nesa norma reforzarase a autonomía de cada un dos centros docentes para que, mediante o desenvolvemento do seu proxecto educativo, se convertan en espazos axeitados para todos, onde o benestar, a convivencia, a solidariedade e a promoción dunha cultura democrática sexan os piares do seu día a día.

Tamén, por primeira vez, se fará referencia ao desenvolvemento social e emocional do alumnado e ao desenvolvemento persoal e profesional do profesorado, nunha escola entendida como modelo e axente activo, e das entidades que participan na atención ás diversas manifestacións da diversidade do alumnado.

Este avance normativo vai na liña do compromiso do Goberno galego a prol dunha escola inclusiva e equitativa, e na que as realidades individuais forman parte da convivencia colectiva.

Galicia, a máis inclusiva do Estado

Segundo as últimas estatísticas do Ministerio de Educación, Galicia é a comunidade autónoma do Estado con maior porcentaxe de alumnado con Necesidades Educativas Especiais integrado en centros ordinarios (concretamente o 93,3%). Isto é posible grazas á colaboración do conxunto da comunidade educativa e, moi especialmente, ao labor que desenvolven os preto de 4.000 profesionais especializados na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, un 22% máis que hai seis anos, e ao conxunto do profesorado, que entendeu a realidade da diversidade de todas as alumnas e os alumnos, prestándolles a atención que necesitan.

Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está poñendo en marcha iniciativas para visibilizar o traballo dos centros no fomento da igualdade e o apoio á diversidade. Nesta liña enmárcase o Premio de Boas Prácticas Inclusivas, un galardón que foi creado co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión que se realizan nos centros docentes así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM