A Xunta advirte do forte impacto negativo na poboación e na economía de Galicia da prolongación no tempo da supresión dos servizos ferroviarios anulados durante o estado de alarma

Ethel Vázquez salienta que o déficit en infraestruturas e servizos de tren resta competitividade ao territorio e impide a miles de cidadáns o exercicio efectivo do seu dereito á mobilidade
Publicado por o día 10/09/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta advirte do forte impacto negativo na poboación e na economía de Galicia da prolongación no tempo da supresión dos servizos ferroviarios anulados durante o estado de alarma

A Xunta advertiu hoxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do forte impacto negativo que está a ter na poboación e na economía de Galicia a prolongación no tempo da supresión dos servizos ferroviarios anulados durante o estado de alarma.

No marco da Conferencia Nacional de Transportes, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou que o déficit en infraestruturas e servizos de tren de Galicia se está a ver progresivamente agravado, algo que merma a competitividade do territorio e impide a miles de cidadáns o exercicio efectivo do seu dereito á mobilidade, unha idea na que tamén incidiron comunidades como Aragón, Andalucía, Estremadura ou Castela e León.

Salientou que as razóns de baixa demanda que vén alegando Renfe para manter a supresión de servizos “non poden ser aceptadas desde Galicia” e avogou por achegar transparencia ás obrigas de servizo público que aplica o organismo ferroviario estatal e que serven para fixar as tarifas dos billetes e as frecuencias dos servizos.

Na reunión desa mañá, que se celebrou por videoconferencia, abordouse a Estratexia de Mobilidade segura, sostible e conectada do Ministerio e a futura Lei de Mobilidade Sostible e Financiamento do Transporte estatal. No encontro, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade trasladou a necesidade de que esta planificación teña en conta as diferentes realidades territoriais de España e, en consecuencia, as peculiaridades do territorio galego, como a dispersión, o envellecemento da poboación ou a súa situación xeograficamente periférica.

O Goberno galego incidiu na necesidade de planificar non só as infraestruturas do transporte, senón tamén os seus servizos, tendo en conta as características territoriais do entorno no que se desenvolven. Neste sentido, desde Galicia compártese a necesidade de planificar con rigor e priorizar os investimentos en infraestruturas do transporte, pero sempre atendendo a razóns de equilibrio, que eviten agravios territoriais e garantan a igualdade de oportunidades para as rexións periféricas como a galega ou para a chamada España baleira.

Ethel Vázquez remarcou que Galicia se atopa xa “moi agraviada” pola situación da AP-9 que debe ser abordada, dixo, tamén á marxe da elaboración da Estratexia e da Lei de Mobilidade estatal. Incidiu en que, no caso de formularse un novo sistema de financiamento da conservación das estradas, este debe incluír as autoestradas de peaxes e non pode supor que a periferia sexa aínda máis periferia e, polo tanto, menos competitiva.

Ademais, apuntou a necesidades de planificar infraestruturas, pero tamén servizos. Trátase, sinalou de dotar os servizos das infraestruturas axeitadas para a súa prestación e, doutra banda, de sacar rendemento das infraestruturas con servizos que respondan de forma efectiva ás necesidades da poboación.

Transporte de pasaxeiros e de mercadorías

En canto ao financiamento do transporte, a Xunta considera necesario abordar o financiamento do transporte público colectivo de viaxeiros, non só o urbano. Así, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade incidiu en que as características territoriais e demográficas de Galicia se traducen na necesidade de dotar servizos de transporte público cunha gran capilaridade, que lle permita aos cidadáns acceder ao seu posto de traballo, ao seu lugar de estudo ou a servizos básicos como a sanidade e a educación.

Estes servizos contan cuns niveis de demanda moi baixos e, consecuentemente, con niveis de rendibilidade significativamente inferiores aos da media nacional. Isto deriva en que o transporte interurbano de Galicia precisa dun importante volume de achegas económicas por parte da Xunta para poder cubrir as necesidades de mobilidade da cidadanía: na vindeira década a Xunta mobilizará preto de 730 millóns de euros para garantir a mobilidade do rural, introducindo as novas modalidades de transporte compartido e os servizos baixo demanda, que están a ter unha boa acollida.

O Executivo autonómico considera, ademais, que a Estratexia presentada hoxe polo Ministerio de Transportes tamén ten unha orientación marcadamente urbana no que ao transporte de mercadorías se refire. A este respecto, Ethel Vázquez trasladou a necesidade de incluír na regulación as necesidades do transporte de mercadorías, cunha análise dos espazos ou áreas de descanso que acheguen seguridade e comodidade aos transportistas nas estradas, con especial relevancia a aquelas destinadas a mercadorías especiais e perigosas.

Estratexia galega de mobilidade

A Xunta xa licitou, no pasado mes de agosto, a súa propia Estratexia galega de mobilidade co obxectivo de definir unha rede coordinada de servizos e infraestruturas moderna, sostible e eficiente. Os seus obxectivos son avanzar cara a unha mobilidade de futuro, adaptada ao contexto derivado da covid-19, ás novas tecnoloxías e á Estratexia galega de cambio climático.

Desde este punto de vista, o Goberno galego comparte en gran medida os retos formulados polo Ministerio como motivacións para o deseño dunha estratexia de mobilidade segura, sostible e conectada e o impulso dunha lei sobre a materia.

A Xunta trasladoulle ao Ministerio a súa vontade de implicarse e contribuír á elaboración e aprobación de documentos normativos estatais en materia de mobiliadade consensuados e eficaces, de aí o conxunto de achegas trasladadas hoxe no marco da Conferencia Nacional de Transportes, que espera sexan tidas en conta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.