A Xunta advirte que o reparto dos fondos do 0,7% do IRPF é once veces peor para Galicia que para as demais comunidades

Todas as comunidades autónomas verán incrementada a súa asignación por riba do 11% mentres en Galicia, Castela e León, Cataluña e Madrid tan só se actualiza en base á inflación: un 0,9%
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta advirte que o reparto dos fondos do 0,7% do IRPF é once veces peor para Galicia que para as demais comunidades

A conselleira de Política Social, Fabiola García, advertiu esta mañá de que o reparto proposto polo Goberno central dos fondos correspondentes ao 0,7% do Imposto sobre as Rendas de Persoas Físicas (IRPF) é once veces peor para Galicia que para as demais comunidades autónomas.

A maior parte das axudas sociais que se distribúen con cargo á “casilla social” do IRPF son xestionadas polas comunidades autónomas. No reparto que propón o Goberno central, a todas as comunidades autónomas increméntaselles a asignación por riba dun 11%, menos a Galicia, Madrid, Cataluña e Castela e León, que perciben tan só un 0,9% de crecemento. Fabiola García manifestou a disconformidade de Galicia con esta distribución nunha reunión por videoconferencia co secretario de Estado de Dereitos Sociais, Ignacio Álvarez.

A conselleira de Política Social sinalou que a Xunta fará o que sexa necesario para que o reparto destes fondos sexa xusto con Galicia. Apuntou tamén a que non se debe aproveitar esta crise para castigar a unhas comunidades e premiar a outras, porque os prexudicados son as entidades sociais e os cidadáns.

A conselleira lembrou que se trata da segunda vez que o Goberno central reduce a asignación a Galicia dunha axuda social durante esta pandemia. A primeira, explicou, produciuse á hora de asignar fondos extraordinarios para o Plan social de continxencia da Xunta. Daquela reduciuse a achega a Galicia de 25 millóns a 17 millóns, un 32%.

Nova axuda con cargo ao Imposto de Sociedades

Por outra banda, durante a videoconferencia, o secretario de Estado tamén comunicou aos representantes das diferentes comunidades que as novas axudas sociais con cargo ao Imposto de Sociedades (establecidas nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018) non serán xestionadas este ano polas autonomías, senón directamente pola Vicepresidencia de Dereitos Sociais.

A este respecto, a conselleira lembrou que o Tribunal Constitucional avala que estas axudas sociais directas (como as correspondentes ao 0,7% do IRPF) son competencia das comunidades autónomas, polo que ve incomprensible que o Goberno central aproveite a situación actual para asumir esta xestión.

Fabiola García tamén aproveitou esta reunión para solicitarlle á Vicepresidencia de Dereitos Sociais un calendario claro e pactado co Ministerio de Sanidade para a aplicación da desescalada nos centros de servizos sociais, como os centros de día, os centros de discapacidade e os campamentos de verán.

Comentar noticia

Your email address will not be published.