A Xunta adxudica a restauración da Torre do Castro, en Sandiás, por máis de 75.000 euros

Os traballos teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da nosa Comunidade
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Cultura

A Xunta adxudica a restauración da Torre do Castro, en Sandiás, por máis de 75.000 euros

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a restauración da Torre do Castro, en Sandiás, por un importe de máis de 75.000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Trátase dunha intervención que permitirá poñer en valor este elemento declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, que forma parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre da Pena, en Xinzo de Limia, a Torre de Ceme, en Rairoz de Veiga, e a Torre da Fírbeda ou da Forxa, que tamén será restaurada proximamente.

Os traballos que se porán en marcha, e que contan cun prazo de execución previsto de tres meses, teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da nosa Comunidade. Concretamente, centraranse na situación actual da cuberta onde é preciso intervir co obxectivo de que este ben poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sostible a promoción socio cultural, laboral e económica da zona.

Deste xeito, logo de avaliar as deficiencias e considerar as patoloxías existentes, limparase o interior da torre e o terreo colindante e eliminarase a vexetación dos muros e da cuberta da torre aplicando un tratamento herbicida. A continuación, está previsto actuar sobre a cantería facendo un rexuntado, selando as gretas e estabilizando a cimentación histórica. Os traballos completaranse coa reparación da luz existente e coa recuperación da escaleira interior, un elemento de gran interese que da acceso á cuberta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.