A Xunta adxudica o contrato de vixilancia das presas de Eiras, Baiona e o Con para os vindeiros dous anos

Os obxectivos do servizo son o seguimento da evolución das presas, a detección de anomalías e a disposición de actuacións necesarias para mantelas en bo estado
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta adxudica o contrato de vixilancia das presas de Eiras, Baiona e o Con para os vindeiros dous anos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo de vixilancia das presas de Eiras, Baiona e Con, cun investimento de máis de 200.000 euros.

Este contrato, cunha vixencia de dous anos, foi adxudicado á empresa Ingeniería de Instrumentación y Control, SA.

O citado servizo enmárcase no mantemento que a Xunta vén realizando nas presas da súa titularidade.

As presas de Eiras, Baiona e Con, destinadas ao abastecemento de auga potable das áreas de Vigo, Baiona e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, son de titularidade autonómica.

Os datos obtidos na vixilancia das presas permiten facer o seguimento da súa evolución, detectar anomalías no seu comportamento e, no seu caso, poder establecer as actuacións preventivas e correctoras para manter as infraestruturas hidráulicas en bo estado.

Os traballos obxecto do contrato incluirán a realización para cada presa dun plan detallado de toma de lecturas en instrumentos de auscultación e en aforadores dos caudais evacuados pola rede de drenaxe.

O contrato tamén contempla a análise periódica das lecturas obtidas na auscultación e na inspección dos encoros, que será remitida a Augas de Galicia, así como as visitas e supervisións rutineiras ás presas e ás súas instalacións.

A empresa adxudicataria tamén deberá levar a cabo a redacción dun informe final anual recompilando as medicións efectuadas, analizando e comparando os datos obtidos e concluíndo o comportamento e o estado da seguridade da presa. Esta información tamén será trasladada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.