A Xunta adxudica o servizo de explotación e mantemento da rede de estacións de seguimento dos niveis de caudais dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa

Trátase das estacións de aforos que realizan o control dos niveis de auga en 43 puntos da rede hidrográfica, que recollen a información dos caudais circulantes en tempo real

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo de explotación e mantemento da rede actual de estacións de seguimento dos niveis de caudais dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Este servizo adxudicouse á empresa Typsa e supón un investimento de máis de 555.000 euros. O contrato terá unha duración de 24 meses.

En liña coas distintas medidas e actuacións que a Xunta desenvolve nos ríos da demarcación Galicia-Costa, os traballos adxudicados inclúen a explotación e mantemento das estacións de aforo e dos aparatos de medida localizados nos ríos da demarcación e a realización de aforos directos nos ríos.

Mediante estas estacións de aforos, Augas de Galicia realiza o control da variación dos niveis de auga en tempo real en 43 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa, o que permite ter información dos caudais circulantes en cada momento.

Esta rede permite facer o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas en tempo real, tanto inundacións como fenómenos de seca, constituíndo unha ferramenta básica de axuda na toma de decisións.

A información obtida nas estación de aforo resulta fundamental para realizar a planificación hidrolóxica por parte de Augas de Galicia, xa que permite estimar os recursos existentes na demarcación hidrográfica, a caracterización das masas de auga, a ordenación dos usos, o mantemento de réximes hidráulicos e a conservación das concas dos ríos e a súa preservación natural.

Os datos recadados nas estación de seguimento do nivel de caudais permite a Augas de Galicia empregar esta información para a supervisión das obras hidráulicas e o deseño, ordenación e execución das grandes redes de distribución de abastecemento e saneamento.

Tamén achega información para a realización de diversos tipos de estudos, tanto por parte de Augas de Galicia, como doutras administracións públicas, universidades ou usuarios da auga.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM