A Xunta agradece á Unión Europea que conte con Galicia no debate sobre as normativas de medidas técnicas e de control

O eurodeputado Gabriel Mato explicou aos membros do Consello Galego de Pesca os resultados do ditame da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre a modificación do regulamento de medidas técnicas e as propostas de actuación dentro dos trílogos decisorios da UE
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Mar,Xunta de Galicia

A Xunta agradece á Unión Europea que conte con Galicia no debate sobre as normativas de medidas técnicas e de control

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu hoxe en Santiago aos eurodeputados Gabriel Mato e Francisco Millán Mon a súa presenza no pleno do Consello Galego de Pesca e que fagan partícipe a Galicia das negociacións dos regulamentos europeos de medidas técnicas e de medidas de control para determinar a conformidade dos produtos da pesca cos criterios de acceso ao mercado da Unión Europea. Dúas normativas, destacou Rosa Quintana, que son fundamentais para Galicia.

O regulamento de medidas técnicas é o que abarca a definición de todos os aparellos de pesca, mallas, regulación de profundidades e tamaños mínimos das especies, entre outras cuestións e Gabriel Mato é o relator do ditame da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre a modificación desta normativa. El explicou aos membros do Consello Galego de Pesca os resultados deste ditame no que se asumiron a maioría das consideracións de Galicia, recollidas en agosto de 2016 nunha reunión do pleno do Consello Galego de Pesca, á que tamén asistiu Gabriel Mato. Tamén expuxo as propostas de actuación futuras dentro dos trílogos decisorios da UE.

Por outra banda, o eurodeputado Francisco Millán Mon, presentou a proposta de informe sobre a aplicación de medidas de control para determinar a conformidade dos produtos da pesca cos criterios de acceso ao mercado da Unión Europea. Millán Mon é o relator escollido polo grupo parlamentario para acompañar e asesorar á redatora do ditame, a eurodeputada sueca Linnéa Engström. No marco desta normativa, Galicia defende competir no mercado con calidade e diferenciación, pero sempre en igualdade de condicións.

Outro dos asuntos da orde do día foi o informe Impacto económico na pesca galega do brexit, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela por encargo da Xunta e presentado hoxe ao sector. O documento sobre o que deu conta a profesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira, María do Carme García Negro, analiza aspectos do eido económico como o posible impacto por cese da pesquería e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas.

É unha acción máis da folla de ruta trazada por Galicia para obter máis argumentos de defensa dos seus intereses pesqueiros ante o brexit co obxectivo de minimizar o seu impacto e de facer unha oportunidade deste proceso inédito en Europa. De feito, este documento trasladarase á DG Mare, ao Consello e ao Parlamento da Unión Europea para a súa consideración e traslado ao equipo negociador.

O obxectivo é seguir afondando en argumentos para que Galicia e España estean preparadas e consigan os mellores beneficios posibles para a frota galega nos comités de traballo que negocien como será o brexit.

O Manifesto para a flexibilización da obrigación de desembarque das capturas realizadas pola flota da UE, elaborado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), foi outro dos asuntos abordados no pleno do Consello Galego de Pesca. Os contidos deste texto foron explicados polo secretario da FREMSS, Torcuato Teixeira.