A Xunta agradece o compromiso dos profesionais do libro de Foz e a súa contribución á reactivación do sector

O director xeral de Políticas Culturais participou hoxe na inauguración da Feira do Libro apoiada polo Goberno galego, que se celebrará ata o domingo 23
Publicado por o día 21/08/2020 na sección de Cultura

A Xunta agradece o compromiso dos profesionais do libro de Foz e a súa contribución á reactivación do sector

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Foz, unha das citas incluídas no calendario de Feiras de Galicia 2020 que se celebrará na praza de Conde Fontao ata o domingo 23 de agosto co apoio da Xunta de Galicia e a participación dunha decena de autores así como cinco librerías e editoriais institucionais.

Durante o acto, Anxo M. Lorenzo agradeceu o esforzo, a dedicación e compromiso que os profesionais do libro de Foz están a desempeñar á hora de reactivar o sector e incentivar o consumo cultural participando un ano máis nesta feira. Recordou, ademais, que se trata dun compromiso compartido coa Xunta de Galicia, que nos últimos meses está a reforzar a súa colaboración co sector editorial para apoialo no actual contexto sanitario.

Neste sentido, o Goberno autonómico incrementa este ano un 54% o seu apoio en aspectos como a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellorar as coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. De feito, está aberta unha convocatoria de axudas extraordinaria po 300.000 euros para este fin.

A cita de Foz, igual que o resto das que se están a celebrar en Galicia, está adaptada ao contexto da covid-19, ofrecendo unha actividade á altura do sector editorial galego e que, ao tempo, sexa segura grazas ao traballo da Federación de Librarías de Galicia e a disposición da decena autores que estes días asinarán exemplares, entre os que se atopan Manuel Portas, Mª Xosé Porteiro, Antía Yáñez o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, entre outros.

Esta nova edición da Feira do Libro de Foz, que conta co apoio da Xunta de Galicia, estará aberta ata o vindeiro domingo 23 de agosto na Praza de Conde Fontao entre as 17,30 e as 22,00 horas. Ademais, contarán cun espazo propio as librarías e editoriais Cortizas, Aenea, Padre Feijoo, Bahía e a Deputación de Lugo.

Música clásica na Mariña

Ademais de participar na inauguración da feira do libro de Foz, o director xeral de Políticas Culturais tamén asiste hoxe ao concerto do Cuarteto Quiroga no marco do Festival Bal y Gay na Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz. Trátase do evento de música clásica que se está a celebrar estes días en diferentes lugares públicos, auditorios e emprazamentos singulares de sete concellos da Mariña. Con máis de seis anos de historia, esta cita está a favorecer a promoción e dinamización da comarca coa música, a cultura, ou a posta en valor do patrimonio cultural.

Comentar noticia

Your email address will not be published.