A Xunta amplía a alerta laranxa costeira á provincia de Pontevedra

Publicado por o día 25/10/2020 na sección de Galicia,Mar,Pontevedra,Xunta de Galicia

A Xunta amplía a alerta laranxa costeira á provincia de Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por temporal costeiro á provincia de Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir do mediodía de mañá dará comezo en todo o litoral da provincia de Pontevedra un fenómeno metereolóxico con mar combinada do noroeste con ondas entre 5-6 metros. Agora está vixente un temporal costeiro no noroeste e no oeste da costa da provincia da Coruña por ventos do suroeste de forza 8. O resto do litoral da Comunidade Autónoma estará en niveis amarelos por vento e mar.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal) , que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Comentar noticia

Your email address will not be published.