A Xunta amplía a Rede Galega de Medición do Brillo do Ceo para mellorar a súa capacidade de diagnose da contaminación lumínica

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adquiriu 20 novos sensores que xa comezou a instalar tanto en zonas caracterizadas polas fortes emisións de luz como en áreas rurais e de montaña con menor exposición luminosa
Publicado por o día 29/09/2019 na sección de Medio Ambiente

A Xunta amplía a Rede Galega de Medición do Brillo do Ceo para mellorar a súa capacidade de diagnose da contaminación lumínica

A Rede Galega de Medida do Brillo do Ceo Nocturno, dependente de MeteoGalicia, recibirá este ano un importante pulo coa incorporación dunha vintena de novos sensores que permitirán ampliar a súa capacidade de detección do estado luminoso dos ceos nocturnos, así como obter unha diagnose máis exacta sobre o grao de contaminación luminosa da comunidade.

O concurso para a adquisición destes equipos foi licitado por máis de 110.000 euros pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que vén de realizar a instalación dos catro primeiros sensores en A Coruña, O Rosal, Meis e Antas de Ulla e nos vindeiros meses completará a distribución de outros 16 nos seguintes concellos: Pontevedra, Santa Comba, Cervantes, Guitiriz, Viveiro, A Mezquita, Entrimo, Laza, Arbo, Cotobade, Ordes, Carnota, Ortigueira, Camariñas e Ribeira (onde se instalarán dous, un en Corrubedo e un en Sálvora).

Os detectores de brillo do ceo nocturno localízanse sempre en puntos estratéxicos, tanto de zonas urbanas e periurbanas sometidas a fortes emisións de luz, como de áreas rurais e de montaña cunha exposición moito menor, e permiten recoller datos con periodicidade minutal durante as 24 horas do día. Esta información está dispoñible para facer consultas en tempo real na web de MeteoGalicia e resulta moi valiosa á hora de coñecer en cada momento o estado do brillo do ceo e detectar e valorar os posibles cambios que se poidan producir.

Cómpre lembrar que a escuridade natural do medio nocturno vese afectada polas emisións de luz artificial procedentes do alumeado público e privado. Parte da luz emitida polas fontes luminosas esparéxese pola atmosfera, facendo brillar o aire e provocando que o brillo do ceo nocturno se sitúe por riba dos seus valores naturais característicos, coa conseguinte alteración dos parámetros ambientais que caracterizan a noite no planeta. Estas alteracións afectan á saúde, ás plantas e aos animais nocturnos e microorganismos.

Coa incorporación destes 20 equipos, a Xunta reforzará a súa actual rede de medida, composta inicialmente por 13 detectores e que empezou a funcionar no ano 2014 grazas á colaboración entre MeteoGalicia e o grupo de investigación en Microóptica e Sensores de Frente de Ondas da Universidade de Santiago.

O obxectivo é consolidar a actual Rede Galega de Medida do Brillo do Ceo Nocturno, que foi unha das primeiras en empezar a funcionar e na actualidade figura entre as mellores e máis extensas redes públicas existentes a nivel internacional. De feito, en España só a Generalitat catalana ten un sistema similar ao galego e no conxunto de Europa a meirande parte das redes existentes son de carácter académico e están vencelladas ao eido universitario.

A posta en marcha desta rede galega medida do brillo do ceo facilitou tamén que o Parque Nacional das Illas Atlánticas fose recoñecido no ano 2016 co selo Starlight, un sistema de certificación internacional avalado pola Unesco en defensa da calidade dos ceos nocturnos e do dereito xeral á observación da estrelas. De feito, a monitorización do brillo cenital é un requisito previo para poder certificar unha zona como área de observación privilexiada.

Cómpre lembrar, en todo caso, que o arquipélago non é o único destino Starlight que existe en Galicia. Tamén Pena Trevinca, no concello ourensán de A Veiga, conta desde 2015 con este selo, grazas ao cal ambos espazos naturais congregan cada ano a centos de afeccionados á astronomía atraídos polas múltiples actividades de observación nocturna que se organizan e que contribúen a promover un turismo sostible e de calidade ao seu redor.

Informe cuatrianual

Anualmente elabórase un informe resumo da rede de medida do brillo do ceo nocturno, dispoñible na web de MeteoGalicia. Este ano, por primeira vez, fíxose tamén un balance do período 2015-2018. Nel explícase que para medir e cuantificar o brillo do ceo emprégase unha unidade de medida referida á magnitude da radiación recibida por segundo e pola lonxitude do arco ao cadrado (mag/arcsec2). Esta escala é algorítmica e canto máis alto sexa o valor detectado polos sensores, máis escuros serán os ceos, e ao revés.

Así, un ceo que non estea afectado por fontes de luz artificial pode acadar as 21,8 mag/arcsec2 –valores que no caso de Galicia rexístranse nas estacións de Xares (A Veiga) e Cabeza de Manzaneda- mentres que en zonas urbanas os valores baixan ata situarse arredor de 18 ou 17 mag/arcsec2 ou mesmo a 16 ou 15 mag/arcsec2 cando se trata de áreas fortemente iluminadas –como ocorre coas cidades de Santiago e Vigo, as zonas de Galicia sometidas a unha maior contaminación luminosa artificial-.

Os datos do brillo do ceo nocturno varían de forma considerable pola presenza de fontes artificiais de luz, de xeito que canto máis brillante sexa, maior marxe de aforro hai na factura eléctrica aplicando sistemas de iluminación máis eficientes. A marxe de mellora neste sentido pode chegar a ser de ata un 30%.En todo caso, ao longo do ano tamén hai variacións no brillo do ceo causadas de forma natural, tanto debido a efectos astronómicos como meteorolóxicos que poden escurecer ou incrementar o brillo dunha zona.

Ademais, desde o punto de vista da observación astronómica, o ollo humano pode chegar a apreciar máis de 7.000 estrelas con valores de magnitude por riba de 20, mentres que cando baixa de 16 só se perciben unhas poucas decenas. É dicir que canto menos brille o aire, máis estrelas poderemos apreciar pola noite.