O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, cun incremento de 343.368 euros, para poder atender un maior número de solicitudes.
A Xunta destinou un orzamento inicial de 1,7 millóns de euros á convocatoria deste ano, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020. Con esta ampliación o investimento supera os 2,1 millóns de euros.
As axudas deste programa van dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e o acceso a servizos de asesoramento co obxectivo de facilitar a implantación e a consolidación de proxectos empresariais liderados e promovidos por mulleres.
O programa consolídase como unha medida para promocionar a participación das mulleres no mercado de traballo e aproveitar o seu potencial para crear novas oportunidades de negocio. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.
O programa Emega conta con catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; a ‘ITEF’, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a ‘Activa’, con incentivos para favorecer a reactivación e a consolidación destes negocios con melloras, ampliacións ou cambios de localización que permitan paliar unha situación económica adversa.
Para acceder a esta última liña flexibilizáronse os criterios sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos, ademais de valorarse o emprego mantido neste período. Desta forma, a Xunta pretende garantir a pervivencia das empresas cunha situación económica complicada, que se vise agravada como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus.
O programa Emega conta ademais cunha axuda complementaria ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.
Coa finalidade de minimizar os efectos que poidan ter os peches de negocios durante o confinamento nos negocios das beneficiarias do programa en edicións anteriores, a Xunta xa modificou as bases da convocatoria de 2018 para que o periodo de execución do proxecto no canto de ser un mínimo de dous anos sexa desde o súa posta en marcha ata a data de inicio do estado de alarma. Na mesma liña, o Goberno galego tamén prevé adaptar e flexibilizar as bases da convocatoria do ano pasado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.