A Xunta analiza cos veciños de Valadares e cos comerciantes de Pereiró o proxecto de mellora da estrada PO-330 no concello de Vigo

O proxecto contempla a urbanización integral dos primeiros 450 metros da vía, en Pereiró, coidando en especial a disposición de prazas de aparcadoiro
Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta analiza cos veciños de Valadares e cos comerciantes de Pereiró o proxecto de mellora da estrada PO-330 no concello de Vigo

A Xunta de Galicia analizou hoxe cos veciños de Valadares e cos comerciantes de Pereiró o proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO-330 no concello de Vigo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, analizou esta mañá o proxecto coa Asociación de Comerciantes de Pereiró e coa Asociación de Veciños de Valadares.

Os obxectivos deste proxecto, no que a Xunta investirá máis dun millón de euros, son a mellora da seguridade na estrada Vigo- Vincios, no treito entre os puntos quilométricos 5+700 e 6+800, en Valadares, así como a urbanización da contorna de Pereiró.

O proxecto contempla o acondicionamento dos primeiros 450 metros da estrada, entre a glorieta que está fronte ao cemiterio de Pereiró e serve de enlace co vial da Universidade. Coidarase especialmente a disposición das prazas de aparcadoiro.

Na contorna do Colexio Barreiro, achegarase o paso de peóns do punto quilométrico 3+210 ao centro, tomando as medidas de calmado de tráfico precisas.

Na zona do Portal, no punto quilométrico 4+300, acometerase unha glorieta para facilitar o acceso á piscina e os cambios de sentido no vial. Tamén se executará un muro de contención e se canalizará parte dun regato.

Tamén se prevé unha glorieta na intersección coa estrada A Garrida-Valadares, posto que se trata dun cruce cun tráfico de vehículos pesados elevado ao dar servizo a dous polígonos industriais, unha canteira, o miradoiro do monte Alba e estar moi próximo á AG-57.

Na parroquia de Valadares, entre os puntos quilométricos 6 e 6+700, executarase un carril central de espera para resolver de forma segura o acceso ao colexio Andersen.

O proxecto tamén inclúe a reparación de beirarrúas nesta estrada e a mellora da sinalización e a iluminación dos pasos de peóns.