A Xunta anima á industria agroalimentaria galega a seguir incrementando as súas vendas no exterior

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá en Vigo nun simposio internacional sobre a internacionalización do sector agroalimentario transfronterizo, promovido por Anfaco-Cecopesca
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta anima á industria agroalimentaria galega a seguir incrementando as súas vendas no exterior

O director do Igape, Juan Cividanes, asegurou hoxe, no simposio internacional Claves para unha internacionalización do sector agroalimentario na Eurorrexión, que se celebra en Vigo, que as empresas galegas dese ámbito produtivo deben seguir traballando como ata agora para consolidar as súas vendas ao exterior e estar presentes en novos mercados, apostando pola oferta de produtos de calidade e a innovación.

O sector agroalimentario galego ten un peso relevante na economía da Comunidade, de tal maneira que, cun total de 1.284 empresas que venderon os seus produtos no exterior, a países como Portugal, Italia, Estados Unidos ou China, foi a terceira industria en volume de exportacións en 2018.

Polo que se refire a 2019, nos sete primeiros meses deste ano as exportacións da industria agroalimentaria galega ascenderon un 6,2% con respecto ao mesmo período do ano pasado, superando os 580 millóns de euros en vendas. O sector conta con 2.400 empresas que dan traballo a 27.000 persoas e representa o 7,3% do PIB galego.

No encontro, ao que asisten empresas, expertos e organismos galegos e portugueses, convocados pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (ANFACO-CECOPESCA) en colaboración coas entidades socias do proxecto europeo Poctep Internovamarket-Food, Cividanes informou dos apoios que o Goberno galego pon á disposición das pemes galegas para apoiar o avance na internacionalización dos seus produtos.

Nese sentido, fixo referencia aos programas Galicia Exporta e ao plan Foexga, enmarcados na Estratexia de internacionalización da empresa galega, e lembrou que en 2019 e 2020 impulsarán 220 accións de mellora da presenza exterior de 459 empresas agoralimentarias con axudas que acadan os 2,6 millóns de euros. Ademais dos países da Unión Europea, entre os destinos aos que se dirixen as actuacións apoiadas están México, Estados Unidos, China, Xapón, Corea do Sur ou Emiratos Árabes Unidos.

Na súa intervención, Cividanes felicitou á organización do simposio por unha iniciativa que favorece coñecer a situación competitiva das industrias galega e lusa de agroalimentación no contexto internacional, ademais de compartir experiencias e explorar novas fórmulas e canles, como o márqueting dixital, para a apertura de novos mercados e a consolidación das vendas ao exterior.

Comentar noticia

Your email address will not be published.