A Xunta anima ao alcalde de Vigo a non obstaculizar o novo albergue e sumarse ao proxecto do camiño portugués da costa

O Concello de Vigo remitiu hoxe o primeiro requirimento sobre este proxecto, malia que xa conta con informe favorable dos seus técnicos desde o 30 de maio
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta anima ao alcalde de Vigo a non obstaculizar o novo albergue e sumarse ao proxecto do camiño portugués da costa

A Xunta de Galicia vén de recibir hoxe, ás 10,08 horas, un requirimento por parte do Concello de Vigo en relación ao proxecto do novo albergue de peregrinos, que xa tiña o informe favorable dos técnicos municipais desde hai case un mes. Chama a atención que este sexa o primeiro requirimento que dito Concello envía á Xunta, poucas horas despois da presentación do proxecto de execución e da súa licitación no día hoxe.

O Goberno galego solicitou o pasado 26 de marzo a licencia de obra, na que xa se indicaba que se comunicaría a dirección da mesma unha vez fose contratada. Así, o 12 de abril abonáronse as correspondentes taxas municipais por un importe de 9.021,01 euros.

O día 30 de maio, o Concello de Vigo remitiu o seu informe técnico favorable. Malia que non notificou a concesión da licencia, desde entón non tiña solicitado ningunha documentación a maiores. No día de hoxe, case un mes despois, fai diversos requirimentos que se responderán en paralelo á licitación do proxecto de execución. En concreto, solicítase a designación da dirección de obra xa referida, así como un aval bancario para responder aos gastos de reposición de servizos urbanísticos por importe de 8.820 euros. Aínda que non adoita ser habitual, realizarase. Tamén se require o proxecto de execución definitivo que, como en calquera actuación deste eido, remítese sempre antes de iniciar unha obra.

Neste contexto, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anima ao alcalde de Vigo a sumarse ao proxecto do Camiño Portugués da Costa, que está a experimentar un notable crecemento desde que fora oficialmente recoñecido pola Xunta hai tres anos. “A Xunta, os vigueses e os peregrinos somos conscientes da relevancia deste itinerario e do papel que Vigo debe xogar no Xacobeo 21”, declarou o representante autonómico.

Sinalización do Camiño

“Agardamos non atopar obstáculos neste proceso, co fin de comezar as obras este mesmo ano unha vez que o proxecto sexa adxudicado”, sinalou Román Rodríguez, quen lembrou que é importante “non confundir aos vigueses, aos galegos e aos peregrinos, pois estamos ante unha infraestrutura fundamental para Vigo e para o Camiño Portugués da Costa”.

Trátase dun Camiño sinalizado en todo o seu trazado agás no termo municipal de Vigo. A Xunta de Galicia solicitou en febreiro de 2018 ao Concello de Vigo permiso para proceder a súa sinalización, algo necesario e moi demandado polos peregrinos. En abril deste ano reiterouse a solicitude. En ningún destes dous casos recibiuse resposta do Concello.

Comentar noticia

Your email address will not be published.