A Xunta anima ao alumnado do obradoiro ‘Salvaterra emprega’ a aproveitar ao máximo a oportunidade formativa e laboral

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo acudiu hoxe á inauguración deste taller de emprego no que se formarán 20 persoas durante os próximos 9 meses en atención sociosanitaria e limpeza de superficies e control de pragas
Publicado por o día 30/12/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Xunta anima ao alumnado do obradoiro ‘Salvaterra emprega’ a aproveitar ao máximo a oportunidade formativa e laboral

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, animou hoxe ao alumnado que inicia a súa formación no obradoiro ‘Salvaterra Emprega’ a aproveitar ao máximo a oportunidade formativa e laboral que lle está a ofrecer.

O obxectivo, incidiu Fernández-Tapias é ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial. Con estas iniciativas, dixo, “gañan todos; os participantes e as empresas da contorna”.

A representante autonómica insistiu na importancia da colaboración entre administracións, que exemplificou en iniciativas como os obradoiros de emprego organizados en colaboración cos concellos, por canto se incrementan as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

Respecto ao ‘Salvaterra Emprega’, informou, que durante os vindeiros 9 meses formará a 20 persoas en materia de atención sociosanitaria e limpeza de superficies e control de pragas, que ao finalizar o ciclo formativo recibirán o seu correspondente certificado de profesionalidade. Un taller financiado integramente pola Xunta de Galicia cunha achega de 346.946 euros e organizado polo Concello de Salvaterra.

Neste contexto, puxo en valor os preto de 12 millóns de euros que investirá a Administración autonómica en programas dirixidos a impulsar a formación para o emprego na área territorial de Vigo.

Así, detallou que a Consellería de Emprego e Igualdade destina 1,7 millóns de euros para impulsar 5 obradoiros duais na área territorial (Vigo, Redondela, Mos, Gondomar e Salvaterra) e 3 destinados a menores de 30 anos a través do programa de emprego para mozas e mozos (Vigo, Redondela e Mos).

En canto aos programas integrados de emprego, dixo, permitirán a celebración dun total de 15 iniciativas, das que 5 están dirixidas exclusivamente a mulleres, para incrementar a formación e as oportunidades laborais das persoas desempregadas nos municipios da área territorial cun investimento superior aos 4 millóns de euros.

Xa por último, fixo referencia aos preto de 5 millóns de euros que destina o Executivo autonómico ás unidades formativas para persoas desempregadas, 303 acciones que beneficiarán a un total de 4.525 alumnos e alumnas da área territorial viguesa.

Convocatoria 2021-2022

A nivel autonómico, a Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na convocatoria 2021-2022 dos obradoiros de emprego co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración galega é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas.

Precisamente, o Consello da Xunta autorizou onte a orde de axudas destinada ao desenvolvemento dos obradoiros duais, uns apoios que contan cun investimento de máis de 23,1 millóns de euros e dos que se poderán beneficiar os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas aos mesmos, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.

A Administración autonómica estima poder incrementar así as oportunidades laborais de 1.200 galegos e galegas que se atopen en situación de desemprego coa realización destes 62 obradoiros duais.

Os beneficiarios, ademais de optar a unha formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 9 meses de duración, ao tempo que desenvolverán servizos de interese xeral e social á comunidade. Ademais, ao remate dos obradoiros, os alumnos e alumnas recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, ao tempo que poderán optar a un traballo posterior en empresas da contorna onde tivo lugar o obradoiro por un período mínimo de tres meses. A Xunta, para iso, concederá incentivos á contratación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.