A Xunta anima aos máis novos a apostar pola formación marítimo-pesqueira para afrontar o reto do relevo xeracional

O Executivo galego pide ao resto de axentes do sector que fagan o necesario para que a actividade extractiva sexa atractiva para as novas xeracións e se garanta a xeración de riqueza laboral e económica
Por o 13/06/2019 | Sección: Galicia,Mar,Vigo
A Xunta anima aos máis novos a apostar pola formación marítimo-pesqueira para afrontar o reto do relevo xeracional
Compartir en:

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe na clausura do Curso Especialista de Innovación, Competitividade e Emprendemento arredor do Mar (Icemar), impartido pola Universidade de Vigo, onde animou aos máis novos a apostar pola formación marítimo-pesqueira para que o sector poida facer fronte aos grandes cambios rexistrados nos últimos anos e superar un dos seus principais retos, o relevo xeracional.

En paralelo á parte formativa, a representante da Consellería do Mar lembrou a importancia de que o resto de axentes implicados no eido marítimo-pesqueiro fagan o necesario para que a pesca sexa atractiva para as novas xeracións e garantir a creación de riqueza laboral e económica. “Para facer realidade o relevo xeracional necesitamos dos máis novos, que estean máis e mellor formados porque a formación é chave para que Galicia manteña a súa competitividade no ámbito marítimo”, salientou Mercedes Rodríguez.

A directora xeral de Pesca explicou que o sector cambiou moito ao compás das novidades tecnolóxicas e informáticas e que iso modificou completamente os métodos de traballo en relación cos que había hai dez ou 40 anos ao incorporarse ferramentas novas e mecánicas distintas. Non obstante, o sector logrou adaptarse a esa evolución grazas, subliñou a representante da Xunta, ao papel que xogan institucións como a Universidade de Vigo.

“A Universidade de Vigo contribúe a que Galicia siga sendo unha potencia marítima e faino coa mesma filosofía que rexe a economía azul, porque recoñece a importancia do mar como motor da economía, apoia o crecemento da riqueza vencellada ao mar e contribúe a mellorar o futuro das persoas que viven desta actividade”, destacou.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez enxalzou o impulso que está a recibir a economía azul en Galicia a través do proxecto Blue Growth do porto de Vigo, que aposta pola alta cualificación profesional mediante cursos de formación especializada e a orientación laboral. De feito, subliñou, Blue Growth promove a xeración de emprego cualificado mellorando a competitividade marítima, fomenta o coñecemento académico de aplicación ao sector, promociona a cualificación profesional de traballadores sen formación regrada permitíndolles acceder a unha mellor oferta laboral e achega a conexión entre o sector educativo e o mercado laboral no marco das carreiras azuis.

“Anímovos a continuar cos vosos estudos neste ámbito, mostrando o orgullo que supón para Galicia que esta materia esperte en vós un interese profesional”, concluíu a directora xeral de Pesca dirixíndose aos alumnos do curso Icemar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.