A Xunta anima ás empresas a apostar pola formación xa que contar con traballadores cualificados mellora a súa competitividade

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou esta mañá nun encontro informativo no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, sobre as axudas de formación que a Xunta ten a disposición das empresas
Publicado por o día 06/06/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta anima ás empresas a apostar pola formación xa que contar con traballadores cualificados mellora a súa competitividade

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou esta mañá, no Círculo de Empresarios de Vigo, nun encontro informativo sobre as axudas de formación que a Xunta de Galicia ofrece ao tecido produtivo galego, no que animou ás empresas a apostar pola formación xa que contar cun cadro de persoal cualificado é unha das claves para mellorar a competitividade do tecido produtivo.

Así, o director xeral lembrou o esforzo que neste eido está realizando o Goberno galego co obxectivo de adaptar os coñecementos e habilidades dos galegos ás novas esixencias do mercado laboral e do novo modelo produtivo no que a Industria 4.0 xa é unha realidade. Referiuse, por unha parte, a Galicia Emprega, un programa co que apoiará a formación e a contratación de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, é dicir, impulsando o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego dando resposta a un dos retos principais da Axenda 20.

Galicia Emprega conta cun orzamento de 9,4 millóns de euros -un 9% máis que en 2018- para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación. Neste sentido, son catro programas que apoian a contratación dual: Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. Deste xeito, por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

O director xeral tamén se referiu ao programa de Unidades Formativas -que conta cunha liña específica para persoas ocupadas e outra para desempregados- posto en marcha pola Xunta o pasado ano e que, unha vez se poña en marcha a edición deste ano que se acaba de resolver, suporá un investimento total de 12,7M€ para apoiar 690 cursos e chegar a 7157 persoas, desde que arrincou esta iniciativa no ano 2018.

Trátase do único programa do Estado que ofrece formación á carta dirixido ás empresas, no que se financia o 100% da mesma co obxectivo de atender as demandas do tecido produtivo galego cunha formación adaptada e axustada as súas necesidades.