A Xunta apoia 130 accións formativas para impulsar a competitividade da industria forestal galega

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destina 288.000 euros a 10 asociacións do sector que organizarán as actividades
Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Medio Ambiente

A Xunta apoia 130 accións formativas para impulsar a competitividade da industria forestal galega

A Xunta apoiará a realización dun total de 130 accións formativas que terán como obxectivo impulsar a competitividade da industria forestal galega, dentro do compromiso do Goberno galego de ofrecer unha formación especializada para favorecer o crecemento e modernización deste sector estratéxico.

Trátase dunha liña de axudas deseñada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria na que se investirán un total de 288.000 euros. As beneficiarias son 10 asociacións vinculadas ao sector que serán as encargadas de organizar as actividades, que van desde cursos e obradoiros a seminarios e xornadas centradas nos eidos máis demandados por esta industria.

Esta acción enmárcase na aposta da Xunta por formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria e compleméntase cos cursos que se imparten con simuladores, un método que permite aos alumnos recrear situacións reais de traballo e sentar as bases do coñecemento da maquinaria forestal.

Este programa súmase ás axudas concedidas por XERA a pemes e micropemes para fomentar o uso de novas tecnoloxías e á convocatoria de innovación dirixida ás empresas de segunda transformación e do contract. No primeiro caso, aprobáronse 81 iniciativas ás que a Xunta destina 8,9M€ e que mobilizarán 26,9M€. E no segundo, estanse apoiando 14 proxectos cun investimento de 1,9M€ que mobilizarán máis de cinco e que teñen como obxectivo aumentar a produtividade, a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados e a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

Todos estes programas están incluídos na Axenda de impulso da industria forestal 2019-2021, a nova ferramenta da Xunta coa que busca favorecer a modernización deste tecido empresarial, atender as demandas actuais e contribuír á construción dunha sociedade saudable, baixa en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. Trátase de conseguir que se incremente a demanda e uso da madeira e os produtos forestais, actuando como elementos centrais de impulso á bioeconomía.