A Xunta apoia a Gradiant na posta en marcha dun centro empresarial de desenvolvemento 5G en Galicia

Permitiralle ao tecido produtivo galego dispor dunha contorna avanzada de experimentación e validación de produtos e servizos innovadores
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta apoia a Gradiant na posta en marcha dun centro empresarial de desenvolvemento 5G en Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación do centro de innovación aberta en tecnoloxías móbiles avanzadas posto en marcha polo centro tecnolóxico Gradiant co apoio da Xunta de Galicia, co cofinanciamento de fondos Feder do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Na presentación participaron tamén Luis Pérez e Fernando Jiménez, director xeral e xerente de Gradiant, respectivamente.

Argerey felicitou a Gradiant pola posta en marcha deste laboratorio “unha iniciativa de gran valor para o ecosistema galego de innovación, especialmente para as pemes que disporán dunha contorna na que testar os seus produtos e servizos innovadores e contribuír así á modernización doutros sectores produtivos estratéxicos para Galicia, como os sectores primarios, a industria, a automoción ou o sector saúde”.

A directora de Gain destacou que este proxecto está apoiado por dous programas, o programa Cervera do Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do que Gradiant está a desenvolver esta plataforma no marco do proxecto Red Nacional de Excelencia en Redes Móviles Avanzadas Open-VERSO, así como as axudas para o equipamento de centros de xeración de coñecemento da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que tamén apoia este centro.

Argerey destacou que o programa Cervera é un “termómetro” da capacidade dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación a nivel estatal, a través do que os centros galegos teñen captado máis de 5 millóns de euros en axudas, situando Galicia na segunda posición entre as comunidades autónomas. Por outro lado, a Xunta apoia este proxecto a través da súa liña de axudas para o fortalecemento de centros tecnolóxicos e de apoio á innovación que leva mobilizado máis de 20 millóns de euros en dúas edicións.

Por último, a directora de Gain subliñou que este proxecto se enmarca no contexto de priorización das tecnoloxías dixitais a nivel europeo, a través do Plan de recuperación e resiliencia e o programa Europa Dixital, a nivel estatal a través da Estratexia España Dixital 2025 e autonómico coa Estratexia Galicia Dixital 2030.

Axudas para o fortalecemento de centros tecnolóxicos

A liña de axudas para o fortalecemento de centros tecnolóxicos e de apoio á innovación de Gain, cofinanciada con fondos Feder do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ten como obxectivo aumentar a competitividade dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación galegos a través da dotación de infraestruturas tecnolóxicas punteiras naqueles ámbitos estratéxicos prioritarios para Galicia.

Con esta liña de axudas perséguese seguir avanzando na excelencia investigadora dos centros de coñecemento galegos así como potenciar as súas tarefas de transferencia ao tecido empresarial.