A Xunta apoia a través do programa Galicia emprende 118 proxectos que mobilizan 13,5 millóns de euros

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu axudas por 4,4 millóns de euros para impulsar novas iniciativas empresariais ou para a consolidación de compañías xa existentes
Publicado por o día 27/05/2018 na sección de Emprego,Formación

A Xunta apoia a través do programa Galicia emprende 118 proxectos que mobilizan 13,5 millóns de euros

Ao abeiro do programa Galicia Emprende 2017, a Xunta vén de conceder, a través do Igape, axudas por 4,4 millóns de euros para apoiar 118 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos que suman 13,48 millóns e que levan asociados a creación e mantemento de 264 empregos.

Os proxectos aprobados abranguen, entre outras, actividades do sector industrial como soldadura e construción de estruturas metálicas, elaboración e comercialización de viño ou produtos delicatessen, fabricación de produtos ortopédicos ou de compoñentes electrónicos; e actividades de servizos relacionadas coa fisioterapia, o comercio, o aluguer de maquinaria, a restauración ou asistencia a persoas maiores.

O investimento programado polos proxectos aprobados no marco da última edición de Galicia Emprende practicamente se duplica con respecto ao da convocatoria anterior.
O investimento medio por proxecto aprobado é de máis de 114.000 euros, sendo impulsado a partes iguais entre autónomos e sociedades mercantís.

Por outra banda, o importe dos investimentos apoiados polo programa Galicia Emprende está comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros. Entre os proxectos de maior dimensión aprobados na última convocatoria figura a industria de comunicación gráfica centrada nos deseños de impresións activas e intelixentes, capaces do ofrecer aos clientes unha nova xeración de produtos con contidos de realidade virtual e gravacións de 360 graos. A empresa, XPack Galicia, prevé crear 14 postos de traballo en Narón (A Coruña).

Outros proxectos de dimensión importante apostan pola creación, en San Cibrao das Viñas (Ourense), dun ximnasio, Tecnópole Sport, para adestramento persoal que inclúe aulas de formación para cursos deportivos; a ampliación da empresa Torresgal Hermanos, especializada en aluguer de maquinaria e bens de equipo no Porriño (Pontevedra); ou a modernización e ampliación de dous establecementos de restauración, Gazpara Restauración no Carballiño (Pontevedra) e Visegar Frouxeira en Valdoviño (A Coruña); a fabricación de pezas forxadas por Rodex Wire, en Pontevedra; a comercialización de produtos agroalimentarios por Patacas Castelo en Vilalba (Lugo) ou a habilitación de novas instalacións e organización de actividades deportivas, en Lugo, caso da empresa Lucus Aventur.

Emprendemento no rural

O programa Galicia Emprende compleméntase este ano coa segunda edición do Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no ámbito rural. Este programa facilitou no 2017 a concesión de 2,4 millóns de euros en axudas a 44 proxectos de autónomos e emprendedores, que mobilizan máis de 5 millóns de euros en investimentos. Á segunda edición presentáronse 278 proxectos que están en estudo.

Ademais das axudas directas activadas mediante os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, os emprendedores poden acceder aos préstamos directos habilitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) ou do fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Deste xeito, a Xunta amosa o seu compromiso cos emprendedores, os autónomos e as pequenas e medianas empresas en xeral, favorecendo o acceso aos recursos e instrumentos necesarios para a posta en marcha de novos proxectos viables con mellores posibilidades de éxito e consolidación no mercado.