A Xunta apoia ás federacións de confrarías de pescadores para impulsar a representación do sector e a súa competitividade

As catro entidades que agrupan ás 63 confrarías galegas beneficiaranse este ano de máis de 400.000 euros para facer fronte a gastos derivados da súa actividade e á implantación de melloras para optimizar o seu labor
Publicado por o día 16/01/2021 na sección de Galicia,Mar,Xunta de Galicia

A Consellería do Mar colabora un ano máis coas catro federacións de confrarías de pescadores de Galicia -a galega e as provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra- para promover o seu papel de representación do sector pesqueiro a través das 63 entidades existentes na comunidade autónoma galega que contan con máis de 13.000 profesionais afiliados. Con ese obxectivo, as catro federacións beneficiaranse este ano de máis de 400.000 euros en axudas para afondar nas súas capacidades de organización e representación e mellorar a súa competitividade.

Desa cantidade, máis de 332.000 euros enmárcanse nos convenios asinados esta semana pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e os presidentes das federacións, un acto que estivo presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. Estes apoios teñen como obxectivo facer fronte a gastos correntes derivados do seu funcionamento, o que permite atender pagamentos relacionados coa contratación de persoal, arrendamentos ou reparacións, entre outros.

A estes acordos de colaboración súmanse outros que están en tramitación -materializaranse nos próximos meses- e dos que se benefician tamén as catro organizacións de confrarías para o desenvolvemento de accións que melloren a competitividade da actividade marítimo-pesqueira. Os 75.000 euros destinados a esta partida permiten apoiar accións como a organización de xornadas formativas e divulgativas de temas de interese para o sector e na mellora da tecnoloxía e a administración electrónica para facilitar a actividade das federacións.

Con estes apoios o Executivo galego busca afianzar a cogobernanza e a coxestión do medio mariño entre a Administración e o propio sector e poñer en valor o labor das federacións na representación e defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de impulsar a súa competitividade e a súa sustentabilidade. Neste sentido, a través deste tipo de colaboracións, a Consellería do Mar busca tamén recoñecer o importante traballo destas entidades no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e na defensa do futuro do sector.