A Xunta apoia con 478.000 euros á nova empresa Gallaecia Delicatessen que, desde Monforte, aposta pola comercialización de carne de vacún selecta de orixe galega

A Consellería de Medio Rural contribuíu á posta en marcha desta industria de nova creación, que aspira a xerar 25 postos de traballo directos
Publicado por o día 05/09/2019 na sección de Agricultura e Gandería

A Xunta apoia con 478.000 euros á nova empresa Gallaecia Delicatessen que, desde Monforte, aposta pola comercialización de carne de vacún selecta de orixe galega

A Consellería do Medio Rural apoiou cunha achega de 478.000 euros á empresa de nova creación Gallaecia Delicatessen que aposta pola comercialización de carne de vacún selecta de orixe galega.

A axuda autonómica contribuíu á posta en marcha desta empresa, que apostou por instalarse en Monforte de Lemos, onde aspira a xerar 25 postos de traballo directos (neste momento son 7 as persoas forman parte do cadro de persoal) tras un investimento que supera os 1,6 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as novas instalacións emprazadas no polígono do Reboredo, que comezaron a súa actividade hai dous meses e medio e que aspiran a estar a pleno rendemento nun ano.

A Xunta apoiou desde o primeiro momento a implantación deste proxecto de transformación cárnica en Monforte, facilitando asesoramento para a súa posta en marcha, así como poñendo a disposición as distintas vías de financiamento existentes para a instalación deste tipo de empresas en Galicia.

Máis en concreto, o apoio autonómico xurde ao abeiro da orde de axudas que a Consellería do Medio Rural habilita para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a través do PDR 2014-2020.

Balseiro explicou que o proxecto encaixa á perfección cun dos obxectivos estratéxicos marcados polo Goberno galego para garantir un futuro máis sólido para o sector cárnico: a aposta pola orixe galega.

“Esta empresa traballa con reses autóctonas selectas procedentes de pequenas explotacións gandeiras e dunha selección de matadoiros, todo isto, para marcar a diferencia pola calidade e a trazabilidade do produto”, dixo Balseiro.

A empresa naceu co obxectivo de cubrir unha demanda de produtos cárnicos e preparados a nivel nacional e internacional e, de feito, xa exporta a países como Bélxica ou Francia.

Outra das iniciativas innovadoras promovidas por esta empresa é a posta en marcha dunha aula de formación e showroom para promocionar os produtos, formar ao persoal e destinada tamén a catas e demostracións in situ.

Comentar noticia

Your email address will not be published.