A Xunta apoia con máis de 1,1 Millóns de euros 16 proxectos do grupo de desenvolvemento rural ‘SIL BIBEI NAVEA’

A delegada territorial en Ourense destacou a importancia destas subvencións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do plan Leader que contribúen á dinamización do agro
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Ourense,Xunta de Galicia

A Xunta apoia con máis de 1,1 Millóns de euros 16 proxectos do grupo de desenvolvemento rural ‘SIL BIBEI NAVEA’

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou hoxe que o grupo de desenvolvemento rural Sil Bibei Navea (GDR8) de Ourense xestionará 1.120.625 euros no bienio 2018-2019 para impulsar 16 proxectos. Fíxoo na visita que realizou as obras de rehabilitación dunha casa reitoral de Parada do Sil que se están a executar grazas ás subvencións que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destina aos GDR, ao abeiro do programa Leader.

Díaz Mouteira explicou que con estes fondos a Xunta de Galicia apoia un total de 16 iniciativas que teñen que ver con eidos coma os servizos sociais, a promoción empresarial ou a acción cultural e turística, promovidos por entidades locais ou por particulares e que se desenvolverán nos 10 concellos que integran o GDR8: Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, Montederramo, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira e Parada do Sil.

Así mesmo, a representante da Xunta fixo fincapé na importancia destas axudas do Leader e no seu enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que son os axentes do territorio, tales como asociacións ou concellos, os que determinan onde se debe investir para acadar os obxectivos de crear e soster un agro máis vivo e con mellor calidade de vida. Trátase, en definitiva, de frear a despoboación rural aportando fondos cos que ofrecer alternativas económicas e creando novas zonas de desenvolvemento nesas rexións.

Aloxamento rural e restaurante

A delegada territorial supervisou as obras que se están a executar nunha casa reitoral da parroquia de Santa María en Parada do Sil co obxecto de destinala a establecemento de turismo rural de seis cuartos dobres e restaurante de dous garfos. O obxectivo é abordar un proxecto de aloxamento rural destinado a un público familiar que desexe un turismo de natureza e gastronómico.

Esta iniciativa suporá un investimento total que supera os 441.000 euros, cunha achega de 200.000 euros xestionados pola asociación Sil Bibei Navea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.