O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a concesión de axudas destinadas a apoiar a financiación de trinta programas de carácter social promovidos por asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e loitar contra a violencia de xénero. Os apoios, cun importe total próximo aos 625.000 euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto da Renda de Persoas Físicas (IRPF), permitirán a posta en marcha na Comunidade de actuacións específicas dirixidas ás mulleres con discapacidade, ás residentes no ámbito rural e a mulleres transexuais, entre outras beneficiarias.
As axudas promovidas pola Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Emprego e Igualdade, ofrecen contías ás entidades sociais que van dos 11.887 euros a un máximo de 56.169 euros.
Na presente convocatoria destaca a importante presenza, entre as iniciativas seleccionadas mediante procedemento de concorrencia competitiva, de programas de educación para a saúde e apoio á muller, para o empoderamento de mulleres con discapacidade, de atención específica a vítimas de trata e de prevención e asistencia ante a violencia contra a muller no ámbito doméstico.
Cerca do 28% das axudas concedidas diríxense a apoiar programas de educación e á promoción da saúde integral da muller. Un 15% está destinado ao ámbito rural, con propostas de capacitación para mulleres xordas deses núcleos, de promoción do autoemprego e de potenciación do empoderamento e a participación activa das mulleres rurais de Galicia.
Entre as organizacións beneficiarias na convocatoria, atópanse algunhas das principais entidades representativas das persoas con discapacidade en Galicia ou que traballan con mulleres en risco de exclusión social, migrantes, mulleres rurais e institucións que promoven o empoderamento e a inserción laboral feminina.
A Xunta apoia deste modo a trinta entidades con cadansúas propostas cun eixo común: contribuír nos seus respectivos ámbitos á loita pola igualdade de oportunidades.
Constan na listaxe de beneficiarias Cáritas Diocesana, Cruz Vermella, Federación de Asociacións de persoas Xordas de Galicia, Asociación Española Contra el Cáncer, Cogami, ACCEM, Ecos do Sur, Médicos del Mundo, Fundación Ronsel, Fundación Anar, Fundación Secretariado Gitano, Asociación Mulleres en Igualdade de Burela, Agrupación de entidades Rurais Terra e Xente, Fademur-Galicia, Patronato Concepción Arenal, Acción contra el Hambre, Radio ECCA, Red Española de entidades por el Empleo, Fundación Amigos de Galicia, Fundación Amigó, Fundación Juan Soñador, Igaxes, Apetamcor, Asociación de axuda ao enfermo mental da Mariña, Mestura, Arelas, Fundación Érguete-Integración, Down Vigo e Asociación Amicos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.