A Xunta aposta pola rehabilitación e recuperación de edificios en desuso para seguir dotando ao rural de máis servizos e oportunidades

“Con servizos para que todos aqueles que queiran vivir nel poidan facelo; e con oportunidades para todos aqueles que queiran vivir do rural”, abunda
Publicado por o día 20/01/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta aposta pola rehabilitación e recuperación de edificios en desuso para seguir dotando ao rural de máis servizos e oportunidades

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Xunta pola rehabilitación e recuperación de edificios en desuso para seguir dotando ao rural de máis servizos e oportunidades. “Con servizos para que todos aqueles que queiran vivir nel poidan facelo; e con oportunidades para todos aqueles que queiran vivir do rural”, abundou.

Durante a inauguración do novo edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas, en Boborás, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá apostando pola rehabilitación para revitalizar os nosos concellos e preservar a nosa identidade, a través de iniciativas como o Plan Rexurbe; co aumento de fondos para levar a cabo accións en áreas de rehabilitación integral, unha figura na que Galicia é referente; coa baixada do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais no caso de vivenda usada habitual; e, coa aprobación da Lei de rehabilitación de Galicia, cuxo obxectivo é facilitar a recuperación do patrimonio construído, evitar o seu abandono e favorecer a súa transformación nun factor de dinamización económica e social.

Cun orzamento total de preto de medio millón de euros, Feijóo salientou que a recuperación deste edificio xa existente –as antigas vivendas dos mestres do CEIP Nosa Señora de Xuvencos- mellorará a vida social e cultural dos veciños de Boborás, ao convertelo nun espazo aberto a todos, con distintos servizos como: unha ludoteca, o programa concilia, unha aula de atención temperá, unha aula CEMIT para a modernización e inclusión tecnolóxica, biblioteca, espazo de formación, un salón de actos e unha aula de música.

“Todo iso dentro dun edificio respectuoso ademais co medio ambiente”, dixo, subliñando que esta obra conta cun plan de aforro enerxético, con actuacións para fomentar a reciclaxe de residuos e con accións de sensibilización ambiental, entre as que se atopa a recollida e tratamento de augas pluviais para aproveitamento nos aseos.

Compromiso con outras actuacións

Ademais deste edificio sociocultural, o titular da Xunta lembrou que, nesa aposta polo rural, o Goberno galego colaborou co Concello noutras actuacións en diversos ámbitos como o urbanístico, coa execución de varias obras destinadas ao acondicionamento de espazos públicos como, por exemplo, os Pazos de Arenteiro e as axudas para o PXOM.

No eido educativo, lembrou os investimentos levados a cabo no CEIP Nosa Señora de Xuvencos. E confirmou que ao abeiro do programa Escolas Conectadas, a Administración autonómica e o Estado dotarán de cobertura de redes de máis de 100 megabits por segundo a este centro educativo.

Por outra banda, en materia de política social, salientou que un total de 64 persoas con dependencia benefícianse de prestacións económicas ou de servizos como a axuda no fogar. E recordou tamén que os profesionais do medio rural recibiron apoios por valor de 2,15 millóns, entre os que destacan a mellora de infraestruturas agrarias, a prevención de lumes ou a ordenación forestal, así como as axudas da Política Agraria Común, entre outros; ademais de destacar o compromiso do concello co tecido socioeconómico adheríndose ao programa de Concellos Emprendedores.

Ademais destas iniciativas, Feijóo explicou que os veciños de Boborás poderán beneficiarse das novas rebaixas fiscais que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro como a rebaixa do Imposto de sucesións, co que todas as herdanzas de ata un millón de euros por herdeiro quedan libres de tributación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.