A Xunta aposta polo autoemprego e consolidación empresarial para conseguir un sector artesán máis forte e competitivo

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, inaugurou hoxe un programa formativo que se desenvolve na Cámara de Comercio de Santiago e que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Incyde
Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Economía

A Xunta aposta polo autoemprego e consolidación empresarial para conseguir un sector artesán máis forte e competitivo

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou esta tarde na inauguración do Programa de autoemprego e consolidación empresarial para o sector da artesanía que organiza a Cámara de Comercio de Santiago coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Incyde.

Un total de 25 persoas vinculadas co sector da artesanía participarán neste programa de formación, que se desenvolverá de luns a venres ata o vindeiro día 25 de outubro, completando un total de 224 horas formativas.

Coa realización deste tipo de actuacións búscase contribuír a reforzar o sector artesán e impulsar a súa competitividade. O obxectivo deste programa é dotar aos emprendedores e empresarios das ferramentas precisas para consolidar o seu negocio, mellorar a súa rendibilidade e xestión empresarial, proporcionándolle unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa. A finalidade é desenvolver un proxecto de actuación que lles permita abordar con éxito os cambios e condicionantes que impoñen os actuais mercados, nos que cobra cada vez máis protagonismo a fixación dunha estratexia comercial axeitada coa integración de canles dixitais, a definición dunha correcta política de prezos e a internacionalización. Todo isto sempre coa axuda das ferramentas de xestión, para favorecer a súa posta en marcha.

O curso está destinado a emprendedores en sectores tradicionais, especialmente do sector da artesanía, que conten cunha idea de negocio e desexen poñer en marcha a súa propia empresa, así como a empresarios e pemes do sector da artesanía que queiran consolidar o seu negocio, mellorar a rendibilidade da súa empresa ou avaliar outras alternativas de expansión.

Os contidos da formación enmárcanse en varios bloques diferenciados: a área de dirección de proxectos; a de marketing, promoción e comercialización; a área de operacións, innovación e transferencia de tecnoloxía; a de aplicacións informáticas, xestión da información, internet e redes sociais; a área de dirección de proxectos; e a de finanzas e xurídico-fiscal na empresa; así como a área de dirección de proxectos finais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.