A Xunta aposta por reducir o patrimonio público do solo na Lei de acompañamento

Antón Sánchez: “Recupérase a monetarización das cesións de solo, que é unha das peores prácticas urbanísticas dos anos da burbulla inmobiliaria”
Publicado por o día 13/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

A Xunta aposta por reducir o patrimonio público do solo na Lei de acompañamento

A Lei de acompañamento dos Orzamentos presentada pola Xunta incorpora unha modificación da Lei 2/2016 do Solo de Galicia -a sexta en tan só tres anos-, na que se recupera a monetarización das cesións de solo, “unha das peores prácticas urbanísticas dos anos da burbulla inmobiliaria”, tal como a cualificou Antón Sánchez.

Esta modificación supón que, da obrigatoriedade da cesión do 10% do aproveitamento tipo das iniciativas urbanísticas, se pase á posibilidade da entrega de solo polo seu valor en metálico. “Isto significa, unha vez máis, renunciar ao fortalecemento das políticas públicas de vivenda, empobrecendo o patrimonio público do solo para atender ás demandas históricas dos lobbies promotores. É dunha especial gravidade nun contexto no que existen máis de 14.000 demandantes de vivenda de protección sen resposta por parte das administraccións e no que hai desafiuzamentos, xa que o solo público en mans dos concellos é un dos instrumentos indispensables para a promoción pública de vivenda”, explicou o voceiro do Grupo Común da Esquerda. “Demostra tamén o caótico proceder lexislativo da Xunta de Galicia, que contabiliza dúas reformas da Lei do Solo anuais desde a súa entrada en vigor, mostra da constante improvisación para beneficio da actividade especulativa dos lobbies”, engadiu.

Esta modificación súmase ás reformas da Lei 8/2012 de Vivenda de Galicia, nas que se permitía rebaixar a reserva de solo para vivenda de protección por debaixo do 30%, e á inacción do Instituto Galego de Vivenda e Solo na promoción de vivenda pública. “Estas son as cuestións que explican que Galicia se atope no vagón de cola do Estado na licitación de vivenda protexida e pública”, apuntou Antón Sánchez. O Grupo Común da Esquerda emendará esta modificación da Lei do Solo por considerar que o camiño do interese xeral e do ben común pasa xusto polo contrario, por incrementar o solo público a disposición dos concellos galegos para que dispoñan deles para as múltiples necesidades sociais que existen.

Comentar noticia

Your email address will not be published.