A Xunta aproba a declaración de cinco novas aldeas modelo en varios concellos de Ourense e no lugués do Incio

Trátase das de Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei) e Trabazón (O Irixo), todas na provincia de Ourense, e da de Trascastro (O Incio), na de Lugo
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Lugo,Ourense,Xunta de Galicia

A Xunta aproba a declaración de cinco novas aldeas modelo en varios concellos de Ourense e no lugués do Incio

O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, aprobou hoxe formalmente a declaración de cinco novas aldeas modelo en Galicia. Trátase das de Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei) e Trabazón (O Irixo), todas elas na provincia de Ourense, e da de Trascastro (O Incio), na de Lugo.

Estes núcleos súmanse ao ourensán de Osmo (Cenlle), co que xa son seis as aldeas modelo declaradas na nosa comunidade. En total, esta medida permitirá actuar en case 138 hectáreas, correspondentes a máis de 3.800 parcelas de preto de 800 propietarios. Estas aldeas modelo son proxectos de mobilización de terras dirixidos á posta en valor e á recuperación produtiva de zonas maioritariamente abandonadas, na contorna de núcleos de poboación, de xeito que esa posta en valor sirva tamén para previr os incendios forestais nesas zonas.

No caso de Penedo (Boborás), traballarase en arredor de 23 hectáreas desta aldea, para destinalas sobre todo a gandaría extensiva de porcino. Esta superficie estrutúrase en 675 parcelas de 132 propietarios. En Muimenta (Carballeda de Avia) a actuación abrangue 30 hectáreas, que terán como actividade produtiva os cereais e cultivos tradicionais. Son, en total, 1.640 terreos que corresponden a 242 veciños. En Infesta (Monterrei) son 234 propietarios os implicados, cuns traballos que afectarán 40,5 hectáreas distribuídas en 945 parcelas, que se destinarán a gandaría extensiva.

No que atinxe a Trabazón (O Irixo) serán 6 as hectáreas postas en valor, que corresponden a 30 propietarios e 220 parcelas. A actuación centrarase, tamén, en iniciativas de gandaría extensiva e o mesmo ocorrerá na aldea luguesa de Trascastro, no municipio do Incio, cunha superficie de actuación de 14 hectáreas e 178 predios de 104 propietarios.

A Consellería do Medio Rural recibiu xa 47 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo ao longo de toda Galicia. Delas, atópanse en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas, repartidas en case 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.