A Xunta aproba o requirimento que enviará de inmediato ao Goberno central para reclamar os 204,7 M€ que adebeda a Galicia en concepto de IVE

Feijóo incide en que Galicia segue a ser unha Comunidade solvente e lamenta que o Goberno, lonxe de incentivar o cumprimento das Comunidades Autónomas, o que fai é penalizar o cumprimento das Comunidades solventes
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Economía,Xunta de Galicia

A Xunta aproba o requirimento que enviará de inmediato ao Goberno central para reclamar os 204,7 M€ que adebeda a Galicia en concepto de IVE

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou o requirimento que enviará de inmediato ao Goberno central para reclamarlle os 204,7 millóns de euros que adebeda a Galicia en concepto de IVE do ano 2017.

O Goberno ten un mes de prazo para contestar a dito requirimento. De non facelo ou de facelo en sentido negativo, a Xunta presentará de maneira inmediata un recurso contencioso-administrativo, é dicir, “levaremos ao Goberno central aos tribunais”, lamentou Feijóo.

“Queremos que recoñeza a existencia do desfase financeiro que ten coas comunidades autónomas, concretamente con Galicia; que se compense a Galicia por ese desfase e que se abonen así mesmo os intereses da débeda”, aseverou o presidente da Xunta. Tamén se pide adoptar as medidas e actos precisos para transferir á Comunidade a cantidade adebedada, ademais de solicitar que “isto non teña nada que ver co cómputo que poida facer o Ministerio de Facenda do déficit público para as Comunidades Autónomas”.

O presidente da Xunta incidiu en que Galicia segue a ser unha Comunidade solvente e lamentou que “temos un Goberno que, lonxe de incentivar o cumprimento das Comunidades Autónomas, o que fai é penalizar o cumprimento das Comunidades Autónomas solventes”.

Tamén fixo fincapé Feijóo no feito de que o presidente do Goberno se reúne hoxe cun “dirixente inhabilitado, polo menos na categoría de deputado” mentres penaliza a Galicia, negándolle os 170 millóns de euros de cumprimento das regras fiscais dos anos 2017 e 2018. Nesta liña, tamén denunciou que o xefe do Executivo central fai “unha reunión bilateral en Cataluña”, pero leva máis de 17 meses sen convocar a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, que hai que facer, como mínimo, dúas veces ao ano.

A convocatoria da reunión do CPFF para mañá supón para o presidente da Xunta “unha dobre decepción” porque o Ministerio de Facenda non inclúe na orde do día nin o pago inmediato á Facenda autonómica do diñeiro do IVE nin o pago ás Comunidades Autónomas dos incentivos polo cumprimento dos obxectivos fiscais, que supoñen 170 millóns para Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.