A Xunta apunta á sustentabilidade ambiental como garante de futuro do sector galego da automoción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que PSA demostra o seu compromiso cara unha transición enerxética xusta e planificada
Publicado por o día 20/09/2019 na sección de Galicia,Motor,Sucesos,Vigo

A Xunta apunta á sustentabilidade ambiental como garante de futuro do sector galego da automoción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou á sustentabilidade ambiental como garante do futuro do sector da automoción, aplaudindo a decisión de PSA de incrementar a produción de vehículos eléctricos nas súas plantas a partir de 2020.

Conde foi o encargado de presentar ao director da planta do grupo PSA en Vigo, Ignacio Bueno, no xantar-coloquio As novas fórmulas de mobilidade e a fábrica do futuro. Na súa intervención, o conselleiro sinalou que PSA demostra un compromiso cara unha transición enerxética xusta e planificada, favorecendo o desenvolvemento dunha tecnoloxía flexible e realista co momento industrial.

Un compromiso que tamén se ofrece desde a Xunta, con iniciativas como o Plan de Mobilidade Eficiente e o Plan Moves, destinados á renovación de vehículos e que mobilizarán conxuntamente máis de 50 millóns de euros, e que contribúen á xeración de negocio na industria da automoción.

O conselleiro, que louvou o traballo de Ignacio Bueno á fronte da planta viguesa, apostou porque a Administración galega e PSA sigan traballando conxuntamente para lograr unha Galicia máis innovadora e máis competitiva.

A automoción representa o 13% do emprego industrial en Galicia e case o 13,5% do PIB da comunidade, que fabrica 15 de cada 100 vehículos que se fabrican en España. Ademais, o sector emprega a máis de 22.000 persoas, cunha facturación que alcanza os 8.650 millóns de euros, e unhas exportacións que alcanzaron os 5.700 millóns de euros só o ano pasado.