A Xunta asesora ás grandes cadeas de supermercados para que reactiven as medidas de prevención e saúde laboral ante a covid-19

Persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebraron hoxe unha xuntanza virtual cos responsables de prevención de Gadis, Vegalsa, Froiz, Mercadona, Día e Lidl para reforzar a protección cara ao Nadal
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de Formación,Galicia,Hogar,Xunta de Galicia

A Xunta asesora ás grandes cadeas de supermercados para que reactiven as medidas de prevención e saúde laboral ante a covid-19

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou hoxe unha sesión técnica virtual desde Santiago de Compostela con responsables da prevención de riscos laborais nas cadeas de supermercados Gadis, Vegalsa, Froiz, Mercadona, Día e Lidl para asesorarlles da necesidade de reforzar as medidas de protección anti-covid entre o persoal e a clientela destas superficies ante a campaña de ventas de Nadal.

A xornada celebrouse co dobre obxectivo de presentar ás cadeas de alimentación a campaña deseñada especificamente pola Xunta para o cumprimento das medidas sanitarias contra o coronavirus nos supermercados e para brindar apoio a través do Issga -órgano técnico na prevención de riscos laborais na Comunidade- para seguir garantindo as condicións de seguridade do persoal traballador destes recintos e para contribuír ás boas prácticas entre a súa clientela.

Tal e como subliñou a xerente do Isgga, María Adela Quinzá-Torroja, “trátase de abordar desde unha perspectiva técnica as medidas preventiva e de protección fronte ao coronavirus nesta actividade” e evitar unha posible relaxación pola maior afluencia de público ás superficies nestas datas.

A campaña do Issga apoiarase con paneis que a Xunta porá a dispor dos establecementos. Nos mesmos se recollen consellos preventivos de aplicación antes de ir ao traballo, sobre o mantemento das distancias de seguridade, medidas de hixiene e limpeza e medidas organizativas. Neste último apartado, o Issga considera relevante establecer medidas organizativas “para evitar a confluencia de persoas e manter a distancia de seguridade”. Entre outras, proponse establecer quendas entre o persoal para evitar contaxios e garantir a continuidade da actividade, evitar coincidir en espazos comúns pechados como vestiarios, sinalizar as medidas de distancia no chan, controlar o acceso de provedores aos espazos comerciais e valorar a necesidade de reforzar os cadros de persoal para minimizar o impacto da carga física e mental dos empregados na situación actual.

O Issga alerta do perigo da transmisión do virus por aerosois nos espazos pechados, como os supermercados. Este risco é aínda maior na distancia curta, en contornas pechadas e concorridas, especialmente mal ventiladas. Para minimizar esta transmisión, o Instituto recomenda reforzar medidas xa implantadas e incorporar algúns novos hábitos para evitar contaxios nos espazos interiores.

Así se lembra que o uso da máscara debe ser obrigatorio e permanente en espazos pechados e que resulta preferible empregar as de tipo hixiénico ou cirúrxico, sempre homologadas e respectando os tempos e formas de uso.

Recoméndase, así mesmo, unha diminución do ton de voz ao falar, evitar berrar e diminuír os niveis de ruído ambiental en lugares públicos. Tamén ventilar os espazos interiores de xeito cruzado e descartar os sistemas que se baseen na recirculación do aire interior e, no caso de dispor de filtros, empregar os que ofrezan unha maior eficacia.

Outra das propostas cara a prevención, sobre todo nas datas da campaña de Nadal, pasa polo fomento de compra por medios non presenciais e de envío a domicilio, a protección dos produtos sen envasar e evitar compartir equipos de traballo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.