A Xunta asina a acta de replanteo para o inicio das obras da fase 0 do Novo CHUAC, que suporá un investimento total de 431 M€

Trátase da posta en marcha efectiva das obras do novo hospital público da Coruña, unha vez que o Concello outorgou a licenza municipal que fora solicitada en xuño

A Xunta de Galicia asinou hoxe a acta de replanteo para o inicio das obras da Fase 0 do novo hospital público da Coruña, ‘Novo CHUAC’, que suporá un investimento autonómico de 431 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria, Luis Verde, presidiron a sinatura do documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, FCC Construcción S.A. e Construcciones Taboada y Ramos, S.L. UTE.

A sinatura deste documento supón o inicio efectivo das obras da Fase 0, licitadas en xuño por un investimento de 13 millóns de euros, unha vez que o Concello da Coruña vén de outorgar a licenza municipal correspondente, que xa fora solicitada no mes de xuño.

A Fase 0 inclúe a creación dunha nova área de hospitais de día e dunha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos.

O inicio dos traballos posibilitará intervir en varios andares, no primeiro, en concreto na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento.

Na cuarta planta, as obras realizaranse nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía, Polivalente e a Oficina de coordinación de transplantes.

Ademais, contémplanse obras na quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas. Na sexta planta tamén se actuará en quirófanos para situar as Unidades de Coidados Intensivos de politraumatizados e Coidados Intermedios, ademais dunha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.

Avances nas seguintes fases

Cómpre lembrar que a Xunta tamén licitou en decembro, por 7,6 millóns de euros, os documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental que permitirán iniciar as seguintes fases do novo hospital público da Coruña, ‘Novo CHUAC’, en 24 meses.

O ‘Novo CHUAC’ é a maior infraestrutura sanitaria que vai acometer a Xunta nesta lexislatura. Esta actuación permitirá dobrar a superficie construída, ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie. Isto supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais.

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro á disposición dos traballadores e usuarios, 30.000 metros cadrados e 2.600 prazas, ordenadas e seguras, das cales se reservarán o 3% para persoas con discapacidade.

O proxecto inclúe a reordenación e execución das vías necesarias para dotar o complexo hospitalario público da Coruña dos accesos axeitados. Esta reordenación viaria terá, ademais, unha importante funcionalidade para a cidade, na medida en que dará servizo ao barrio de Eirís e á futura Cidade das TIC.

Así, nunha primeira fase dos traballos, para a que se prevé un prazo de 24 meses, está previsto levar a cabo a tramitación ambiental e tamén a tramitación urbanística. Sobre esta última, o contrato prevé dúas alternativas, ben como proxecto de interese autonómico, ben por Lei 3/2016, como consecuencia da indefinición e das dúbidas do Concello. Tamén se procederá á redacción dos proxectos de execución, levaranse a cabo as actuacións previas preparatorias, as obras de demolición comezando, previsiblemente, pola demolición do hotel de pacientes, e activaranse as fases intermedias.

Na seguinte fase, cun período estimado de 6 meses, realizarase o proceso de licitación das obras principais, finalizándose as obras de demolición e xa tamén dalgunha fase.
Na fase final executaranse e remataranse as últimas obras de edificación, tamén as últimas obras de urbanización e os últimos traballos do viario e dos accesos.

A Coruña
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañados do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde, visitan a zonas das futuras obras da Fase 0 do Novo CHUAC
15/01/2021
Foto: Moncho Fuentes / AGN

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM