A Xunta atendeu máis de 13.200 avisos para a retirada de niños de velutina ao abeiro do Plan acordado cos concellos

Un total de 285 municipios están adheridos a este programa, o que representa nove de cada dez entidades galegas
Publicado por o día 15/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta atendeu máis de 13.200 avisos para a retirada de niños de velutina ao abeiro do Plan acordado cos concellos

A Xunta atendeu máis de 13.200 avisos desde a posta en marcha o pasado xaneiro do Plan de Loita contra esta especie acordado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios (Fegamp). O operativo da empresa pública de Servizos Galegos (Seaga), encargada da encomenda, está a xestionar un promedio anual de de 63 incidencias por xornada, aínda que nesta última semana a media foi de 217 avisos.

Oito de cada dez comunicacións tramitadas contabilizáronse entre as provincias da Coruña e Pontevedra, con case 6.000 e máis de 4.600 casos respectivamente. Na provincia de Ourense atendéronse 1.150 avisos e na de Lugo os 1.408 restantes.

Desde que empezou a funcionar a comezos de ano o Plan de loita contra a vespa velutina, xa se adheriron de forma voluntaria 285 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos. A proporción é similar nas catro provincias con nove de cada dez entidades locais de cada unha delas incluídas no plan: 85 pertencentes á provincia da Coruña, 62 de Lugo, 83 de Ourense e 55 de Pontevedra.

O Plan, acordado de maneira coordinada e conxunta coa Fegamp, está dotado con 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local. Baséase na concentración de recursos para eliminar os niños desta especie na comunidade e ofrecer unha resposta eficaz, centralizada e homoxénea en tódalas zonas afectadas. Desta forma, a Xunta, en colaboración cos 285 concellos adheridos, realiza os traballos de retirada de niños da vespa velutina a través dos efectivos de Seaga.

O operativo de Seaga conta cuns 80 profesionais, dos que a maioría integran o equipo de intervención con operarios distribuídos nos cinco centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Tamén conta cun equipo de coordinación con persoal técnico e administrativo formado por seis persoas. O persoal do equipo de intervención conta cos medios necesarios para realizar o seu traballo con garantías. De feito, a Xunta investiu case 55.000 euros na adquisición de novos materias que permitan axilizar o traballo e ser máis eficientes.

Os operarios de Seaga atenden os avisos recibidos no servizo habilitado no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, que tamén continuou a funcionar durante o estado de alarma decretado pola crise sanitaria do coronavirus. Debido á importancia deste servizo para a cidadanía, a Xunta mantivo as actuacións garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga.

Unha vez recibido o aviso 012, o persoal de Seaga retira nun prazo medio de cinco días hábiles os niños situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles nos que se poida actuar con seguridade cos sistemas empregados de eliminación e neutralización. Desde o inicio do plan, foron eliminados e neutralizados máis de 7.400 niños. O tempo de resposta pode superar as cinco xornadas cando os niños sexan inaccesibles ou se precisen medios complementarios. Ademais, nalgúns deles non procede actuación.

Por outra parte, infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunicaron da súa presenza. Así, contáctase co comunicante para planificar a visita do persoal de campo que, á súa vez, despois de acudir ao lugar do aviso, informa ao persoal do equipo de coordinación o estado da actuación.

Recado ao concello de Ponte Caldelas

A Xunta volve a lamentar as críticas do concello de Ponte Caldelas contra a labor da administración autónoma na loita contra a vespa velutina e insiste en recordarlle que non se adheriu ao Plan de Loita contra a Velutina.

Comentar noticia

Your email address will not be published.