A Xunta avalía coa comunidade científica e universitaria os resultados do Oportunius para reforzar a captación de talento investigador en Galicia

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantiveron hoxe en Santiago un encontro co xefe do Departamento Científico do Consello Europeo de Investigación (ERC), José Manuel Fernández de Labastida, e investigadores participantes no programa e beneficiarios de axudas ERC
Publicado por o día 01/03/2019 na sección de Economía,Educación

A Xunta avalía coa comunidade científica e universitaria os resultados do Oportunius para reforzar a captación de talento investigador en Galicia

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantiveron hoxe unha xuntanza en Santiago de Compostela co xefe do Departamento Científico do Consello Europeo de Investigación (ERC), José Manuel Fernández de Labastida, e investigadores participantes no Oportunius e beneficiarios de axudas ERC. Na reunión avaliáronse os resultados do programa da Xunta que xera oportunidades para investigadores excelentes que queiran desenvolver a súa carreira científica en Galicia reforzando as súas opcións de acceso e os beneficios asociados ás axudas do Consello Europeo de Investigación.

Desde 2014, máis dun cento de investigadores se formaron a través desta iniciativa en Galicia, sete acadaron unha axuda ERC e 14 foron finalistas que lograron superar as primeiras fases de avaliación das convocatorias sendo o nivel de esixencia do ERC moi elevado. En palabras de Conde, estes datos confirman o nivel de excelencia do persoal investigador galego.

Na reunión debateuse sobre as oportunidades deste programa co obxectivo de reforzalo e poder posicionar a Galicia como un espazo referente para o talento investigador. O titular de Economía, Emprego e Industria destacou a importancia de mellorar a actuación en colaboración cos propios investigadores para incrementar o número de ERC en entidades de investigación de Galicia.

O programa persegue o posicionamento da Comunidade galega como un entorno investigador atractivo para o retorno, atracción e xeración de investigadores ERC. En concreto, inclúe incentivos para o persoal investigador que xa ten unha grant ERC e para o que aspira a conseguir unha destas axudas.

O programa contempla tres itinerarios: para o persoal investigador beneficiario dunha axuda do ERC disposto a desenvolver o seu proxecto en Galicia, ofrece un contrato de persoal investigador distinguido, recursos económicos complementarios ao financiamento ERC e apoio económico de continuidade tras a finalización da vixencia da grant ERC; o segundo itinerario, para persoal investigador adscrito a un organismo de investigación galego finalista dunha grant ERC, ofrece soporte económico e asesoramento experto para aumentar as posibilidades de éxito en próximas convocatorias; e, finalmente, o terceiro itinerario, dirixido a persoal investigador con potencial para presentarse a convocatorias do ERC dos organismos de investigación de Galicia, inclúe soporte para valorar e enfocar unha posible candidatura. Os investigadores ERC reciben tamén financiamento da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para desenvolver e consolidar a súa investigación excelente.

Oportunius enmárcase no programa Talento 2021 para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i. A través desta iniciativa, a Administración autonómica estima unha mobilización próxima aos 47M€ dos que a Xunta achegará 6M€.

A iniciativa súmase, ademais, a outras iniciativas autonómicas que buscan atraer e reter talento en Galicia, como o programa Principia, que ten permitido a incorporación de 362 tecnólogos mozos para desenvolver tarefas de I+D+i tanto no sector público como privado, e o recente programa Talento Sénior, para impulsar a contratación de persoal de alta cualificación para desenvolver actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos e privados non universitarios. Na súa primeira convocatoria aprobou a incorporación de 11 investigadores e profesionais de alta cualificación con máis de cinco anos de traxectoria en empresas e organismos de investigación e cun incentivo de 64.000 euros por contrato.

Así mesmo, o programa Ignicia de proba de concepto, pioneiro a nivel estatal, está a impulsar a transferencia do coñecemento apoiando 16 proxectos e xerando 109 postos de traballo de alta cualificación.

En definitiva e, segundo subliñou o conselleiro, do que se trata é de captar e reter talento investigador en Galicia para reforzar a excelencia científica do noso sistema de I+D+i.