A Xunta avanza con patronal e sindicatos en novos acordos para adaptar o marco laboral á realidade económica actual

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe xunto coa CEG, UGT e CCOO unha nova xuntanza do diálogo social, na que se abordaron aspectos como a introdución de cláusulas sociais na contratación pública ou a redución da fenda salarial de xénero
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Sindicatos,Xunta de Galicia

A Xunta avanza con patronal e sindicatos en novos acordos para adaptar o marco laboral á realidade económica actual

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe xunto con Antonio Fontenla, representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG; José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT Galicia; e José Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia, unha nova xuntanza do diálogo social en Galicia. Nesta reunión, que dá continuidade á celebrada o pasado mes de febreiro, avanzouse en novos acordos para adaptar o marco laboral á realidade económica actual.

Segundo salientou Conde, o obxectivo está posto en conseguir un modelo produtivo competitivo, xerador de emprego de calidade, inclusivo e enerxeticamente sustentable, que dea resposta aos retos sociais e económicos marcados pola dixitalización, o cambio climático e o envellecemento demográfico.

Nese sentido, explicou que xa se avanzou sobre cales son os asuntos prioritarios e o calendario de traballo que se vai desenvolver a través de diferentes mesas de carácter técnico. O obxectivo principal, dixo, é “que en Galicia, o traballo conxunto entre os axentes sociais e económicos e a Administración nos permita seguir avanzando na competitividade e que esa competitividade veña acompañada dunha mellor calidade no emprego e dunhas condicións dignas no mercado laboral”.

No encontro, o conselleiro incidiu na necesidade de impulsar e revitalizar o diálogo social e que a Administración e os interlocutores sociais deseñen conxuntamente o itinerario a seguir. Sobre a mesa puxéronse esta tarde aspectos como as cláusulas sociais na contratación pública que poidan servir de guía para outras administracións; a redución da fenda salarial de xénero; e a inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos. Tamén se tratou na reunión a necesidade de modernizar as relacións laborais coa resolución extraxudicial de conflitos individuais e a transformación tecnolóxica da industria galega.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria fixo fincapé en que esta rolda de xuntanzas se leva a cabo porque Galicia confía no diálogo social para apoiar o desenvolvemento do tecido industrial, impulsando a súa competitividade e o emprego de calidade desde o consenso.

Imaxes relacionadas

Comentar noticia

Your email address will not be published.