O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións do Cesuga na Coruña con motivo da celebración do II Consello Asesor do centro e trasladou aos asistentes que a Xunta está traballando e avanzando na simplificación administrativa, na posta en marcha de plans de financiamento e no desenvolvemento da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation co obxectivo de que este ano 2021 sexa o da reactivación económica.
Neste sentido, Conde quixo transmitir unha mensaxe de esperanza e confianza ao tecido empresarial pero chamando, ao mesmo tempo, á prudencia e á responsabilidade colectiva. De feito, quixo agradecer a responsabilidade coa que o mundo empresarial, e tamén educativo, está cumprindo cos protocolos establecidos por mor da pandemia.
O vicepresidente económico asegurou que o mellor xeito de facer fronte ás incertezas que xera o contexto derivado da covid-19 é ofrecendo estabilidade e seguridade. Por iso, desde o Goberno galego búscase apoiar aos sectores máis castigados por esta situación, pero tamén coa Lei de Reactivación económica que permitirá avanzar nunha administración máis áxil para consolidar proxectos asentados en Galicia e atraer novos investimentos. Por outra banda, séguense atendendo as necesidades de liquidez das empresas con instrumentos como as tres iniciativas de capital risco ás que este ano se destinan 70M€.
Ademais, a Comunidade continúa desenvolvendo a candidatura galega aos fondos Next Generation con propostas no eido da dixitalización, a transición enerxética, a economía circular ou a saúde. Neste sentido, subliñou o importante papel que a universidade, coas súas achegas, ten neste tipo de proxectos que se apoian na colaboración público-privada.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.