A Xunta avanza nunha nova programación do Xacobeo adaptada á situación sanitaria e á prórroga concedida polo papa Francisco

A directora de Turismo de Galicia compareceu hoxe no Parlamento para dar conta da nova reformulación da programación dun Ano Santo inédito.

A directora de Turismo de Galicia compareceu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia para dar conta dos avances na nova programación do Xacobeo. Na súa intervención Nava Castro destacou que “o Xacobeo está e estará en “programación continua” como consecuencia da situación sanitaria actual, que limita o seu desenvolvemento, pero tamén grazas a prórroga concedida polo Papa Francisco, que permitirá converter este Ano Santo nun evento inédito que se prolongará durante dous anos.

A directora de Turismo de Galicia destacou que “a prolongación ata 2022 foi unha demanda unánime que conseguimos elevar a Roma desde Galicia”, pero “non se nos escoitou en Madrid, cando reclamamos un apoio claro por parte do Goberno central a esta celebración, declarada de excepcional interese público. E iso en Madrid traduciuse en cero euros para o Xacobeo”.

Pola contra, Nava Castro puxo en valor o esforzo orzamentario da Xunta de Galicia tanto no reforzo das políticas turísticas – cun incremento do 52% respecto a 2020 nos orzamento de Turismo de Galicia-, como na partida destinada ao Xacobeo, que conta con 85,6 millóns de euros.

Primeiro semestre

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que o seu departamento está a traballar nunha nova reformulación da proposta de programación, concentrando as accións en territorio galego durante este primeiro semestre, “con especial incidencia no rural onde o Camiño representa unha oportunidade para fixar poboación a través do impulso de iniciativas sustentables”. .

A celebración do Xacobeo avanzaría así apoiada nas ferramentas dixitais e abarcando un maior territorio a medida en que a evolución da pandemia o permita, con actuacións previstas no territorio nacional e Portugal no segundo semestre do ano e coa vista posta na promoción internacional e nas accións que impliquen a un maior número de participantes de cara ao 2022.

Castro destacou tamén que a nova proposta de programación “chegará aos diferentes colectivos e territorios con accións adaptadas en cada momento á situación sanitaria, desenvolvemento programas de dinamización que faciliten a descentralización ao longo destes dous anos, aproveitando a rede e a proxección universal dos Camiños e coordinando accións con administracións doutros territorios”.

Na súa comparecencia no Parlamento, a directora de Turismo de Galicia destacou finalmente a importancia social e económica que supón a celebración deste Xacobeo como “un reto vivo” e “unha magnífica oportunidade” no proceso de recuperación do noso territorio, especialmente para o sector turístico “ao que seguimos apoiando con axudas e iniciativas nun proceso de revitalización no que será clave a aposta por Galicia como destino seguro”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario