A Xunta avoga polo acordo e a coordinación entre administracións para acadar unha xestión forestal sustentable no concello de Vigo

Avaliou o anteproxecto do anel verde do Concello e sinala que algunhas actuacións coinciden nas superficies cedidas pola mancomunidade de montes á propia Xunta, polo que nelas non se poden acometer as accións contempladas no anteproxecto de anel verde municipal
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta avoga polo acordo e a coordinación entre administracións para acadar unha xestión forestal sustentable no concello de Vigo

A Xunta de Galicia avoga polo acordo e a coordinación entre administracións para acadar unha xestión forestal sustentable entre o espazo urbano e os montes lindeiros do concello de Vigo. Ao fío disto lembra que a suma de sinerxías entre as administracións con competencias en materia de prevención de incendios (Xunta, deputacións e concellos) é primordial para anticiparse a eles.

Nesta liña, o Goberno galego recorda que o municipio olívico, pese a ter unha parroquia de alta actividade incendiaria (PAAI), non solicitou a súa adhesión ao convenio de protección das aldeas que a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga, que facilita aos concellos a xestión das súas competencias en canto á limpeza de franxas arredor dos núcleos de poboación de forma conxunta e coordinada. Así, ofreceuse a todos a todos os concellos de Galicia a posibilidade de sumarse ao acordo, ao que xa o solicitaron adherirse máis de 240 corporacións locais. Este convenio permite realizar unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos públicos na defensa das nosas aldeas fronte aos incendios forestais.

Montes periurbanos

A Consellería do Medio Rural reitera a súa aposta pola configuración do monte da contorna da cidade olívica como un monte periurbano, no que se combinen os usos tradicionais do monte coa creación de espazos de ocio e lecer para a cidadanía. En definitiva, trátase de acadar un monte en perfecto estado multifuncional, vivo, dinámico e sustentable económica, social e medioambientalmente, na procura da Galicia verde.

A primeira fase deste proxecto de bosque modelo, que contará cun investimento de 1,4 millóns de euros, foi comprometida polo Conselleiro de Medio Rural nunha xuntanza coa mancomunidade de montes de Vigo en decembro de 2018. Logo de acadar a dispoñibilidade dos terreos, firmouse un acordo de colaboración o pasado mes de agosto coa mancomunidade e con cada unha das comunidades de montes veciñais en man común onde se vai actuar neste primeira fase, as de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns. Ao abeiro deste convenio, este ano iniciarase a actuación en 670 hectáreas co fin de que os montes vigueses sexan máis resistentes aos lumes, potenciando dun xeito especial o uso socio-recreativo destes montes.

Por iso, resulta sorprendente que o concello vigués solicite á Consellería do Medio Rural un informe do anteproxecto de anel verde municipal cuxas actuacións coinciden parcialmente nas superficies que as comunidades de montes cederan á Consellería do Medio Rural, polo que nesa área non se poden acometer as actuacións dese anteproxecto. Na restante superficie indicada nesa iniciativa, é preciso ter a dispoñibilidade das parcelas por parte dos propietarios, requisito que esixe a lexislación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.