A Xunta avoga por aumentar a coordinación sociosanitaria e o uso das novas tecnoloxías para mellorar a atención ás persoas maiores

O responsable da área social do Goberno galego referiuse na súa intervención aos programas autonómicos nos ámbitos da dependencia e do envellecemento activo
Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta avoga por aumentar a coordinación sociosanitaria e o uso das novas tecnoloxías para mellorar a atención ás persoas maiores

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, avogou esta mañá en Vigo por “afondar na coordinación socio-sanitaria, na unión de esforzos de profesionais e administracións e por aproveitar as novas tecnoloxías para continuar mellorando a atención ás persoas maiores, as cales constitúen un eixe prioritario para a Xunta de Galicia”. Así o dixo no marco da inauguración do XXX Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía que nas xornadas de hoxe e mañá reúne na sede da Afundación en Vigo a uns 150 profesionais e expertos na temática do envellecemento e a atención integral aos maiores.

Na súa intervención, Rey Varela recoñeceu o labor dos profesionais relacionados coa atención, tanto médica como social, das persoas de idade avanzada, posto que “son unha peza fundamental para garantir o benestar dos nosos maiores cos que traballan cada día”. Nesta liña, apuntou que a Xunta comparte con estes profesionais os obxectivos de previr situacións de dependencia e promover o envellecemento activo e saudable.

Ao respecto, destacou que o Goberno galego está traballando de maneira transversal na promoción do envellecemento activo a través dunha estratexia que responde a catro eixos fundamentais: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades. Así mesmo, referiuse á consolidación do sistema autonómico de atención á dependencia coa posta en marcha de novos servizos e programas e coa ampliación do número de beneficiarios no mesmo.

De feito, na actualidade son máis de 56.000 as persoas con dependencia recoñecida que reciben algunha prestación, o que sitúa a Galicia cunha ratio de cobertura do 82,2% -sete puntos por riba da media nacional-.

Por último, o titular de Política Social reiterou o firme compromiso da Xunta en continuar avanzando na mellora da calidade de vida dos maiores, en especial daqueles que viven sos ou que teñen a súa autonomía persoal limitada, fixándose como meta a de chegar aos 60.000 dependentes atendidos ao remate da presente lexislatura.