A Xunta avoga por unha solución integral e non axudas a fondo perdido en Barreras

O Goberno galego deu dous préstamos a auxiliares do naval, por máis de 6 millóns
Publicado por o día 08/01/2020 na sección de Galicia,Naval,Vigo

A Xunta avoga por unha solución integral e non axudas a fondo perdido en Barreras

A Xunta de Galicia está disposta a participar nunha solución para o estaleiro vigués Barreras (en fase preconcursal, coa disolución xudicial da sociedade solicitada e coa actividade parada) e ofreceuse a colaborar no financiamento para rematar o cruceiro de Ritz Carlton, aínda que “en ningún caso” faríase a través de axudas a fondo perdido.

Así o sinalou onte en Vigo o conselleiro de Industria, Francisco Conde, lembrando que o Executivo galego traballa tanto co estaleiro (que agora controla Ritz Carlton), como con Pymar, co Ministerio de Industria e con CESCE, e “identificouse a posibilidade de que a Xunta poida colaborar no financiamento” do cruceiro Evrima.

Segundo o conselleiro, Ritz Carlton trasladou inicialmente unha necesidade de financiamento duns 5 millóns de euros, aínda que queda por coñecer “toda a información” e “a estrutura financeira que poida soportar o reinicio da actividade” no estaleiro.

Con todo, Francisco Conde advertiu de que a participación da Xunta na solución para Barreras está condicionada a que haxa “un proxecto que permita a viabilidade”, que dea garantías aos seus traballadores e tamén a toda a industria auxiliar.

A ese respecto, admitiu que os pasos dados polo estaleiro están enfocados neste momento para asegurar a estrutura financeira que permita finalizar o cruceiro, pero “hai que dar unha solución integral”.

Por outra banda, lembrou que a Xunta activou unha liña de crédito para auxiliares do naval para axudar ás industrias que, coa crise de Barreiras, ven en perigo. A Administración autonómica xa concedeu 11 préstamos por máis de 6 millóns e segue avaliando solicitudes pendentes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.