A Xunta axuda ás familias numerosas a realizar estadías de fin de semana nas estacións de montaña galegas

A Administración autonómica sufragará parte dos gastos, de xeito que os núcleos familiares beneficiarios recibirán 35 euros por persoa maior de 12 anos e 37,5 euros por cada menor de 12 anos
Publicado por o día 04/11/2018 na sección de Turismo

A Xunta axuda ás familias numerosas a realizar estadías de fin de semana nas estacións de montaña galegas

A Xunta de Galicia outorgará axudas económicas ás familias numerosas de Galicia para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia.

A Administración autonómica convoca un ano máis estas subvencións que incentivan o turismo de montaña para as familias numerosas e representan unha medida de apoio social e de fomento das actividades de lecer.

A finalidade desta convocatoria é sufragar parte dos gastos de ditas estadías, para o cal a Xunta de Galicia destina unha contía global de 20.000 euros. Grazas a este investimento, as familias que resulten beneficiarias recibirán unha axuda de 35 euros por persoa e estadía de fin de semana para os nenos e nenas de 12 anos ou máis e para os adultos, mentres que por cada menor de 12 anos, percibiranse 37,5 euros.

Para poder optar a esta convocatoria a persoa solicitante deberá formar parte dunha unidade familiar considerada numerosa e residir en Galicia. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica e o prazo rematará o vindeiro 29 de novembro.