A Xunta busca o consenso co sector e a salvagarda do marisqueo para levar adiante o proxecto de dragaxe do Lérez

A conselleira do Mar destacou que a envergadura desta actuación require unha complexa tramitación administrativa, especialmente no ámbito ambiental
Por o 21/03/2018 | Sección: Mar
A Xunta busca o consenso co sector e a salvagarda do marisqueo para levar adiante o proxecto de dragaxe do Lérez

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta ten a vontade de levar adiante o proxecto de dragaxe do Lérez, na ría de Pontevedra, pero sempre, subliñou, “supeditada ao cumprimento da lexislación e da tramitación, ao respecto ambiental e á salvagarda da actividade marisqueira da área da ría”.

Neste sentido, insistiu que a disposición da Consellería do Mar “é a de ter listo o proxecto canto antes e poder licitalo de inmediato”, pero sempre, engadiu, “coa premisa básica do consenso”. Para iso, expuxo, “estamos a traballar para solventar os puntos de discrepancia”.

A titular de Mar lembrou que o proceso desta actuación se reorientou en abril de 2014 para acoller, xa co primeiro Estudo de Impacto Ambiental redactado, cambios normativos e peticións do propio sector. Isto, indicou, implica novidades profundas na tramitación, obrigando, entre outros aspectos, a novas contratacións para un novo Estudo de Impacto Ambiental, o que amplía a súa tramitación.

Ademais a conselleira do Mar destacou que a envergadura da actuación de dragaxe do Lérez require unha complexa tramitación administrativa, especialmente no ámbito ambiental. De feito, sinalou, “trátase dunha das actuacións de dragaxe máis complexa do conxunto do sistema portuario autonómico, técnica e economicamente”.

A través dela, explicou Rosa Quintana, prevese a actuación sobre unha superficie de 141.000 m2 nun espazo de case catro quilómetros, que serán dragados a cotas de entre -2 e -7 metros. Isto suporá unha retirada de arredor de 221.000 m3 de materiais e un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.