A Xunta cede equipamento de emerxencias ás agrupacións de voluntarios de protección civil de 23 concellos da provincia de Ourense

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, subliña o compromiso do Goberno galego co mantemento e financiamento dos servizos de emerxencias
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Galicia,Ourense

A Xunta cede equipamento de emerxencias ás agrupacións de voluntarios de protección civil de 23 concellos da provincia de Ourense

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos de emerxencias a Concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Esta orde de axudas permitirá mellorar os medios dos que dispoñen as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en 66 concellos galegos, dos que 23 pertencen á provincia de Ourense.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, indicou que este reparto de equipamentos demostra “o compromiso activo que a Xunta mantén co mantemento e financiamento dos servizos de emerxencias”. Engadiu, ademais, que este apoio vén a recoñecer tamén, o labor esencial que realizan os voluntarios e voluntarias, así como os profesionais que traballan na prevención e atención ás emerxencias e contribúen así á seguridade de toda a cidadanía.

O equipamento para ceder ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil beneficiadas distribúese en tres liñas de axuda: unha de 16 vehículos todo terreo tipo pick-up, outra de 21 remolques para a atención ás emerxencias e unha terceira para adquirir 29 tendas de campaña de emerxencias. A adquisición do equipamento é en réxime de concorrencia competitiva e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu importe supera o millón de euros.

En concreto, na provincia de Ourense sete agrupacións recibirán pick-up: Beariz, Boborás, A Bola, San Xoán de Río, Sarreaus, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso; outras sete disporán de remolques de emerxencias: O Bolo, Carballeda de Avia, Esgos, Muíños, Paderne de Allariz, Viana do Bolo e Xunqueira de Ambía; e, por último, entregaranse nove tendas de campaña: Allariz, Chandrexa de Queixa, Coles, A Gudiña, Maceda, A Pobra de Trives, A Veiga e a Mancomunidade Terras de Celanova.

As entidades beneficiarias ás que se lles concedeu o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción a comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. Se algún dos beneficiarios renuncia redistribuirase o equipamento non adxudicado en base á lista de reserva integrada por todos os solicitantes admitidos segundo a puntuación de cada entidade.

O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión dos vehículos todo terreo tipo pick-up e dos remolques para a atención de emerxencias será de tres meses. No caso das tendas de campaña, a cesión quedará condicionada á finalización do novo expediente de contratación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.