A Xunta chama ao traballo conxunto para consolidar o naval galego e poñer en valor a súa capacidade competitiva

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con auxiliares do sector e representantes de Aclunaga e Asime, no que se presentou a nova liña de préstamos que vai activar a Xunta
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta chama ao traballo conxunto para consolidar o naval galego e poñer en valor a súa capacidade competitiva

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro en Vigo con representantes do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e a Asociación de Industriais Metalúrxigos de Galicia (Asime), así como con industrias auxiliares do sector. Durante a xuntanza, apelou ao traballo conxunto da Administración, os estaleiros, a industria auxiliar e as entidades financeiras para consolidar o naval galego, un sector estratéxico para Galicia, e poñer en valor a súa capacidade competitiva.

Conde apuntou que se segue traballando para abordar a situación que ten o sector e como poder afrontala, e así, neste encontro informouse sobre a liña de préstamos que permita a todas as industrias auxiliares, tanto da Ría de Vigo como do resto de Galicia, afrontar as necesidades que poidan ter de circulante, así como abordar investimentos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o naval está demostrando a súa competitividade, capacidade de innovación e diversificación. Neste sentido, Conde resaltou que “o 55% da carga de traballo que se está desenvolvendo en España ten marca Galicia”, sinalando ademais que a Comunidade é a segunda rexión con máis carga de traballo a nivel europeo.

Segundo indicou o conselleiro, o “naval da ría de Vigo está sabendo interpretar o futuro, que pasa pola diversificación, coa construción de cruceiros e barcos de transporte, e tamén pola renovación da flota pesqueira”. Para que o sector siga avanzando, o conselleiro apuntou que a liña de préstamos que hoxe se presentou á industria auxiliar “será unha ferramenta importante para que nos próximos anos a industria salga fortalecida tamén desde o punto de vista financeiro”.

A nova liña incluirase dentro do programa de préstamos directos para o financiamento empresarial, que ten activo o Igape e que dispón no seu conxunto dun orzamento total de 36 millóns de euros ata 2021. A través desta iniciativa, a Xunta facilitará a concesión de préstamos comprendidos entre 50.000 e un millón de euros, que contarán cun prazo de cinco anos de amortización.

Prevese que estes apoios melloren a situación financeira dos provedores de bens e servizos dos grandes estaleiros. Tras a publicación proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases que regulan esta liña de apoios, abrirase o prazo para presentar solicitudes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.