A Xunta cofinancia o Festival Sinsal cunha subvención de Cultura e Turismo e co patrocinio da marca Fest Galicia

O director de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, visitaron a montaxe do festival, que se celebrará a partir de mañá e ata o día 28 en San Simón
Publicado por o día 24/07/2019 na sección de Galicia,Redondela

A Xunta cofinancia o Festival Sinsal cunha subvención de Cultura e Turismo e co patrocinio da marca Fest Galicia

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitaron os traballos de montaxe do festival Sinsal, que celebrará a súa décima edición na illa de San Simón desde mañá e ata o domingo día 28. Durante a visita, comentaron xunto cos directores do evento, Julio Gómez e Luis Campos, a programación do festival que este ano volve contar cun completo apoio da Xunta, a través dunha subvención da Consellería de Cultura e Turismo, da cesión das instalacións da illa e do patrocinio polo programa FEST Galicia.

O Sinsal SON Estrella Galicia é, de feito, un dos 12 encontros adheridos á segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Precisamente, sobre estes piares aséntase desde os seus inicios o Sinsal, situado nunha contorna que pola súa historia, patrimonio e beleza obriga á organización a apostar pola construción dun evento sostible que se estende ao labor de todo o equipo e coincide plenamente cos valores que promove FEST Galicia.

FEST Galicia contará en San Simón cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funciona como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

Igualdade

Sobre o ámbito da igualdade, FEST Galicia apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, reforzando o gran compromiso do festival neste sentido. As accións que desenvolverá a Secretaría Xeral da Igualdade durante o festival enmárcanse na

campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Trasladará á illa persoal formado neste ámbito para difundir o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber, e informar sobre como actuar en caso de agresións. Tamén se instalará un tótem coas mensaxes da campaña para que o público o use como referencia e reflexión. Ademais, o sábado 27, de 17,00 a 19,00 h., desenvolverase o obradoiro Non me deas a chapa, enfocado a un público familiar, no que as persoas participantes poderán realizar chapas con mensaxes personalizadas en materiais fluorescentes, e stickers relacionados coa prevención da violencia de xénero.

Outras accións

O espazo FEST Galicia tamén albergará o venres 26 un punto informativo de Medio Ambiente para sensibilizar sobre importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentables no que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que o festival incorpora no seu Plan de Sostibilidade apostando por unha oferta gastronómica con produto ecolóxico e local, promovendo o transporte compartido, dándolle unha segunda oportunidade a materiais como lonas, pratos e vasos; e este ano, como novidade, impulsando unha campaña para recoller residuos electrónicos nos portos do festival. Ademais, en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, xestionarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante o festival.

Tamén o venres de 19,00 a 21,00 h. o persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil desenvolverá unha actividade lúdico-formativa para a mocidade e ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O uso da lingua é outro dos ámbitos nos que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O domingo 28, de 19,00 a 21,00 h., animarase á mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega a través dun vídeo e do concurso Pasa a palabra, no que ademais de divertirse e de adiviñar verbas en galego, as persoas participantes poderán conseguir premios.

Contratos de patrocinio

Ademais de Sinsal, o calendario de FEST Galicia 2019 comprende os xa celebrados Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra e Vive Nigrán, e as citas que restan de aquí a setembro: Atlantic Fest (que tamén se celebra esta fin de semana), SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións. Formar parte de FEST de Galicia, suponlles acceder ao reparto de 350.000 euros cos que está dotada esta iniciativa, a través da sinatura de contratos de patrocinio.

Por esta canle, no caso de Sinsal, ademais das actividades desenvolvidas no Espazo FEST Galicia, a marca da Xunta dálles soporte ás pulseiras cashless, que permiten o acceso e serven como medio de pago; e ao escenario do Paseo dos Buxos, que acollerá algunhas das propostas deste festival de cartel secreto, diúrno e capacidade reducida a 800 persoas, premiado como Mellor Festival de Pequeno Formato nos Premios Fest 2015 e nos Iberian Awards 2019. En total pasarán polo encontro 17 bandas e artistas con procedencias xeográficas e sonoras que percorren boa parte do planeta. O programa complétase con actividades vinculadas ao patrimonio natural, histórico e artístico da contorna.

Comentar noticia

Your email address will not be published.