A Xunta colabora no desenvolvemento do programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito de Cruz Roja

En virtude deste acordo estableceranse liñas de derivación e integración na sociedade das persoas sen fogar a través dun traballo de coordinación levado a cabo polos equipos técnicos municipais da entidade en todo o territorio galego
Por o 24/09/2018 | Sección: Social,Xunta de Galicia
A Xunta colabora no desenvolvemento do programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito de Cruz Roja
Compartir en:

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a presidenta de Cruz Roja Española en Galicia, María del Carmen Colmeiro Rojo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito ou en situación de vulnerabilidade extrema co obxectivo de reducir as situacións de exclusión social deste colectivo, a súa integración na sociedade e a procura dun xeito de vida normalizado.

Deste xeito, este convenio senta as bases para o establecemento de liñas de derivación e integración na sociedade das persoas sen fogar a través dun traballo de coordinación levado a cabo polos equipos técnicos municipais da entidade con capacidade de actuación en todo o territorio galego. Este cometido realizarase na rúa, nos albergues, nos recursos da rede de atención específica ás persoas sen fogar, nos centro de Cruz Roja en Galicia e se concretarán en informar e derivar aos usuarios cara os servizos pertinentes, proporcionar asesoramento social e legal e dar soporte técnico ás administración locais que non dispoñan de medios propios para traballar con persoas sen fogar.

No marco do acordo, tamén se efectuarán labores de sensibilización e xornadas de concienciación sobre a situación deste colectivo. Así mesmo, informarase e derivarase aos usuarios cara os servizos pertinentes, proporcionarase asesoramento social e legal e os participantes no programa poderán desenvolver competencias persoais, sociais e laborais que favorezan o proceso de inserción individual.

A Xunta de Galicia destinará 169.950 euros para a realización das actividades recollidas neste convenio, dos que 115.750 euros irán destinados a gastos de persoal.

O conselleiro amosou a súa satisfacción tras a sinatura e lembrou que as persoas sen fogar constitúen na actualidade unha das realidades máis dramáticas que presenta a exclusión social e con este convenio, daranse respostas globais e integradas que responden ás necesidades dos grupos de persoas con maiores desvantaxes sociais, potenciando ademais a máxima coordinación e proximidade territorial posible.

Rey Varela rematou agradecendo a Cruz Roja Española o seu labor dirixido ás persoas maiores, ás persoas inmigrantes, á infancia en dificultade social e a todas aquelas en situación de vulnerabilidade, a través do cal benefician a máis de 165.000 persoas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.