A Xunta comeza a tramitar o segundo Plan de rescate para autónomos e hostaleiros co obxectivo de que as axudas cheguen coa máxima urxencia

Os representantes do Goberno galego lamentan que os concellos e as deputacións non se unan ao Plan e lembran que patronal, sindicatos, autónomos, representantes doutros sectores afectados e boa parte dos concellos pediron que sexa a Xunta a que xestione as axudas, xa que a avala a eficacia demostrada co primeiro Plan
Publicado por o día 29/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta comeza a tramitar o segundo Plan de rescate para autónomos e hostaleiros co obxectivo de que as axudas cheguen coa máxima urxencia

A Xunta comezará a tramitar xa o segundo Plan de rescate dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros afectados polas restricións sanitarias como consecuencia da pandemia para cumprir así o compromiso adquirido cos interlocutores sociais e colectivos máis afectados de activar estas axudas o antes posible, dado o carácter urxente das mesmas.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe un novo encontro en Santiago de Compostela co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e con representantes das deputacións provinciais, na que trasladaron que o Goberno galego seguirá adiante coa súa folla de ruta para activar a segunda convocatoria do Plan en febreiro.

No encontro, volveron instar ás administracións locais e provinciais a sumarse á iniciativa para chegar ao maior número de persoas que peor o están pasando como consecuencia dos efectos da covid-19. A Xunta xa anunciou esta mesma semana que ampliará a súa aportación inicial, de 50 a 75 millóns de euros, polo que o Plan contará con máis de 160 millóns de euros entre as dúas convocatorias.

Os representantes do Goberno galego destacaron que deputacións e concellos tiveron hoxe unha nova oportunidade para adherirse ao Plan e lembraron que patronal, sindicatos, autónomos e representantes doutros sectores afectados, así como unha boa parte dos concellos galegos, pediron que sexa a Xunta a que xestione as axudas, xa que a avala a eficacia demostrada co primeiro Plan co que se demostrou a dilixencia nos pagos.

O obxectivo da Xunta é axudar canto antes porque “hai moita xente que o necesita e non podemos demorar máis os apoios”. Ao respecto, Rueda apuntou que o Goberno galego vén de elevar en 25 millóns de euros a achega inicial prevista para o segundo Plan de Rescate. “Son 75 millóns fronte aos 5 millóns de euros que aportarían as catro deputacións”. Deste xeito, por cada 100 euros, a administración autonómica poría 93,5 euros e as deputacións, 6,5 euros. “Hai deputacións que ata o de agora non deron nin unha axuda ao sector. E levamos 11 meses de pandemia”, engadiu.

Axudas máis rápidas

As axudas, polo tanto, activaranse en febreiro, con menos requisitos, máis rápidas, acumulables e complementarias coas recibidas no primeiro Plan de Rescate e co resto dos apoios anti-covid do Goberno galego. Os 75 millóns de euros sumaranse aos 86,2 millóns destinados pola Xunta á primeira convocatoria, co que serán en total máis de 160 millóns de euros que o Goberno destinará en 90 días a compensar o sacrificio dos negocios afectados polas últimas restricións aprobadas para preservar a saúde da cidadanía.

O importe das contías será maior en función das porcentaxes de perda acreditadas polos solicitantes e outra das novidades é que os autónomos non terán que acreditar ter recibido a prestación por cese de actividade. Tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar aos cartos. As liñas destinadas a autónomos e microempresas, así como unha específica aos establecementos hostaleiros pechados polas medidas sanitarias, serán compatibles entre si, e os perceptores de axudas do primeiro Plan de rescate poderán volver solicitalas e, de cumprir os requisitos, recibilas.

A Xunta estenderá estas axudas aos establecementos pechados como consecuencia das últimas restricións, pero tamén aos que soamente puideron servir comidas e bebidas en terrazas, para levar, ou a domicilio nas últimas semanas.